Comarcas

A Deputación levará máis de 100 espectáculos a 49 concellos da man de +Escénicas

Entre este mes de outubro e marzo de 2025

A Deputación levará máis de 100 espectáculos a 49 concellos da man de +Escénicas

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a programación de +Escénicas, o primeiro circuíto de teatro e danza posto en marcha desde a institución que chegará a 49 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia con 105 actuacións e un investimento de 145.000 euros.

O presidente da Deputación, Luis López, asegura que é un circuíto “moi demandado polo sector profesional das artes escénicas. Por iso nós tiñamos claro que debiamos escoitalos e poñer en marcha unha iniciativa como +Escénicas, que recollese as súas demandas”.


Tamén en vigoalminuto


Achegas

En concreto, os concellos que se beneficiarán de +Escénicas recibirán achegas que oscilan entre os 1.200 e os 3.400 euros para programar espectáculos entre outubro deste ano e marzo de 2025. Cada concello podía solicitar un máximo de tres espectáculos, de entre os 300 ofertados a través dun catálogo elaborado por vez primeira pola Deputación, cofinanciados en función do tamaño do concello.

Deste xeito, a Deputación financia:

  • o 90 % do custo naqueles concellos de menos de 5.000 habitantes
  • un 80 %, nos de están entre 5.000 e 10.000
  • e o 70 %, nos que teñen entre 10.000 e 20.000 veciños

“A cultura é un dos nosos eixos prioritarios e queremos, e debemos, contribuír á programación cultural
estable en todos os concellos da provincia, independentemente do seu tamaño, favorecendo así o acceso á cultura por parte de todos os públicos”
, asegurou o presidente provincial.

Igualdade

Así mesmo, a Deputación vén de asinar un convenio coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR Galicia) para o desenvolvemento do proxecto “Formando en igualdade para previr a violencia de xénero: Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais”. A institución provincial financiará con 10.000€ este proxecto, que busca previr a violencia de xénero en prol da igualdade no alumnado de Primaria dos centros educativos do rural da provincia de Pontevedra.

Ao abeiro do mesmo contémplase desenvolver campañas, obradoiros e accións de formación e sensibilización para establecer as bases, coñecementos e actitudes necesarias, así como crear ferramentas, para adoptar comportamentos máis igualitarios e menos tolerantes con todo tipo de violencia contra as mulleres.

Ademais, entre outros, o programa busca sensibilizar sobre a importancia da igualdade de xénero e o respecto cara a todas as persoas, independentemente do seu sexo, e promover e potenciar o bo trato, a educación en valores e a diversidade a través de pílulas formativas e talleres presenciais para os colexios.

También te puede interesar