A Deputación de Pontevedra publica este martes no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) as bases do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros para os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia e “duplicando o orzamento con respecto á súa primeira edición”.
Novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo
O obxectivo desta iniciativa é subvencionar proxectos municipais para a construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivos ou a súa cuberta, así como a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes, a dotación de equipamento e material para estes espazos ou tamén a adquisición de terreos afectados a uso deportivo.
Estes 8 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas repártense entre unha parte fixa de 75.000 euros que recibirán automaticamente todos os concellos, ata un total de 4.425.000 euros (o 55% do orzamento).
Os 3.575.000 euros restantes, que se corresponden coa parte variable, serán repartidos entre os concellos segundo a súa poboación. A parte fixa supón un incremento de case o cuádruplo respecto á primeira edición do plan, xa que a cantidade fixa que recibían os concellos neste era de 20.000 euros. Este importe da parte variable farase público dentro dos 10 días hábiles seguintes á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
Ademais en vigoalminuto
- Una persona muerta y otra herida, en Benetússer, durante los trabajos de limpieza de la DANA
- As costas galegas rexistraron o ano pasado 689 varamentos de animais, a maioría cetáceos
- El Campus del Mar estará acabado a mediados de 2026 en los terrenos de la ETEA
- Hasta 1 ano de espera para consulta en Unidades de Saúde Mental do SERGAS de Santiago e Vigo
- A delincuencia descendeu en Vigo, moi discretamente, durante 2024
- Muere quemado en el interior de un coche, en Redondela
Compatible con outros plans de investimento do organismo provincial
As achegas do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas outorgaranse en réxime de concorrencia
non competitiva, e permitirase financiar máis dun proxecto por concello. O importe mínimo dos proxectos sufragados será de 20.000 euros no caso de obras e de 6.000 euros no caso de subministracións, e serán compatibles tanto con outros plans de investimento da Deputación (como, por exemplo, o +Provincia) como con subvencións doutras administracións públicas.
Esta achega do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas forma parte dos 91,2 millóns de euros
que a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos pequenos e medianos concellos da provincia a través de plans de investimento municipalista para o ano 2025, xunto cos 48,2 millóns de euros do Plan +Provincia ou os 35 millóns de euros do Plan Extra.
A Deputación pon en marcha este plan extraordinario tendo en conta o nivel de práctica e o grao de interese que suscita a actividade física e deportiva na sociedade da provincia. Ademais, tamén se ten en conta que dispoñer de equipamentos e instalacións deportivas contribúe a hábitos de comportamento activo na poboación, repercutindo de forma positiva na saúde, a educación, a convivencia, a igualdade ou a economía.