Comarcas

Nova plataforma fronte a masificación turística en Vigo e o Morrazo

Integrada por 16 organizacións sociais, veciñais e ecolóxicas

Algunhas cidades do Mediterráneo levan xa anos reclamando un modelo de turismo máis sostible, que sexa compatible coa vida nos pobos e barrios. Hoxe é Vigo e o Morrazo quen se une a esta demanda coa presentación da Plataforma Fronte a Masificación Turística. Esta plataforma, integrada por 16 organizacións sociais, ecoloxistas, veciñais e sindicais, nace co propósito de frear os efectos negativos que o modelo actual de turismo de masas está a causar nestas zonas costeiras do sur de Galicia.

Segundo indicou a súa voceira Ana Freiría, de Ecoloxistas en Acción, non estamos en contra do turismo nin de que a xente visite e goce do que ofrece a nosa terra. O que rexeitamos é un modelo turístico insostible que lonxe de contribuír ó benestar social ten un alto impacto na vida das persoas e do territorio”. 

Dificultade de acceso á vivenda  

Un dos puntos nos que a Plataforma fai fincapé é na dificultade de acceso á vivenda. Este é un dos  impactos negativos máis graves a nivel social deste modelo turístico, directamente relacionado co aumento desmedido de vivenda de uso turístico. 

Así, apuntan que  segundo cifras da Xunta de Galicia en Vigo e no Morrazo hai 2.094 e 1.783 vivendas de uso turístico rexistradas, respectivamente, (sen contar as que operan de xeito irregular) fronte as 450 e 70 vivendas de uso habitual ofertadas segundo os principais portais inmobiliarios. Sinalan que nunha zona de influencia de preto de 400.000 persoas esta escaseza de oferta disparou os prezos do alugueiro nun 45% dende o 2015 e máis dun 11% só no último ano, segundo os datos dos principais portais inmobiliarios, cunha tendencia que continua á alza.

Precariedade laboral

Para a Plataforma Fronte a Masificación Turística os impactos non se limitan ao problema da vivenda. A precariedade laboral, sobre todo no sector servizos (hostalería, limpeza, comercio); o baleiramento dos barrios coa destrución do comercio local; a sobrecarga das infrastructuras e servizos públicos (recollida de lixo, saneamento, etc); a alteración de zonas de alto valor ecolóxico e paisaxístico; a polución atmoférica e o esgotamento dos recursos naturais son exemplos de cómo esta masificación turística está a transformar o modo de vida nas rexións máis tensionadas.

“Temos exemplos moi preto en cidades como Barcelona ou nas illas Baleares onde esta transformación é patente e onde a distribución de recursos tan esenciais como a auga xa está a causar conflitos có turismo”  afirma Manuel González, de ADEGA Vigo – Morrazo, integrante da Plataforma.


Ademais en vigoalminuto


Máis que luces de nadal e praias no verán: cidades e vilas para vivir todo o ano.

Ás portas do nadal Vigués e despois dun período estival que bateu records de visitantes no Morrazo, a Plataforma Fronte a Masificación Turística Vigo – Morrazo reclama un espazo para todos, turistas e veciñanza.

Entre as súas demandas están limitar e regular estritamente as vivendas de uso turístico e aumentar a oferta pública de alugueiro social ata acadar a media da Unión Europea, o 15% do parque de vivenda, o que en Vigo suporía ter dispoñibles 23.000 vivendas para alugueiro social das 154.000 existentes.

Tamén piden canalizar recursos para garantir o bo funcionamento dos servizos públicos e desenvolver unha estratexia de mobilidade pública e sostible, así como a mellora das condicións laborais na hostalaría.

Taxa turística

Outras das propostas que plantexa a Plataforma son a aplicación dunha taxa turística para o desenvolvemento de proxectos sociais, culturais e ambientais a nivel local e o impulso da diversificación da economía alén do sector turístico. Para evitar ós impactos no medio ambiente a Plataforma esixe o establecemento de límites ao fluxo de visitantes en zonas naturais sensibles, ampliar as zonas protexidas e a protección das árbores, vixiar o cumprimento da protección e limitar os cruceiros que chegan o peirao de Transatlánticos, dado as emisións contaminantes que producen. 

Mobilización da cidadanía

A Plataforma xa anunciou que ten previsto un plan de accións destinadas a chamar á mobilización da cidadanía para visibilizar a problemática e traballar por un Vigo e Morrazo para vivir, onde a veciñanza ocupe o lugar que lle corresponde como centro das nosas vilas e cidades. 

También te puede interesar