Máis de 13.000 barcos con materiais perigosos pasan, cada ano, fronte a Galicia
Hai 22 anos, un funesto 13 de novembro de 2002, produciuse o maior desastre ecolóxico da historia de Galicia. Unha noite de temporal, o petroleiro monocasco ‘Prestige’ sufriu unha vía de auga cando navegaba a 28 millas (52 quilómetros) do cabo Fisterra.
O accidente, peregrinación forzada e afundimento do petroleiro Prestige o 19 de novembro de 2002 orixinou o a maior traxedia ambiental ata hoxe. Acadou dimensións continentais por mor da deficiente xestión das autoridades. Estas foron responsábeis dun encadeamento de erros críticos e de alimentar a desinformación sobre as dimensións da catástrofe.
Miles de toneladas de chapapote de Fisterra a Cíes
Como consecuencia diso, chegaron ás costas galegas varias decenas de miles de toneladas de fuel oil (chapapote), que logo se estenderon por todo o litoiral cantábrico e o sur de Francia, producindo unha das maiores mareas negras coñecidas. As ondas de fuel e morte bateron contra os cantís da Costa da Morte, contra as Illas Cíes e Ons, contra as enormes praias desde A Lanzada ata Nemiña.
Ante a incompetencia e a falta de medios da Xunta e o Goberno central, centos de mariñeiros lanzáronse a defender as rías, pescando coas súas redes e as súas propias mans o chapapote. A sociedade civil autoorganizada, as confrarías de pescadores, as mariscadoras, as asociacións, foron as que deron resposta á catástrofe ante a incomparecencia das autoridades.
Xerouse tamén unha onda de solidariedade en todo o Estado e en moitos países, acudindo miles de persoas voluntarias: unha marea branca fronte á marea negra, para limpar de chapapote as costas galegas, traballando durante varios meses.
200.000 persoas en Santiago
Foron días de dor, de mentiras e rabia que espertaron no pobo galego nunha onda de indignación que asolagou a praza do Obradoiro seis veces na histórica manifestación do 1 de decembro de 2002.
200.000 paraugas repetiron como un eco a frase máxica ‘Nunca Máis’. Orgullo e dignidade, vestidas de negro e azul, dun pobo que gritaba ‘basta’ á burla de desastres ecolóxicos que periodicamente azoutaban as costas galegas. Polycommander, Urquiola, Andros Patria, Casón, Mar Exeo: oito dos trece maiores accidentes con verteduras de petróleo nas últimas seis décadas producíronse nas costas de Galicia.
Documental
Hai dous anos, para conmemorar o tráxico aniversario do Prestige, Greenpeace volveu aos lugares máis afectados polo “chapapote” e realizou un documental testemuñal con voces que viviron en primeira persoa a desfeita e actuaron para pór solucións. Tamén realizou na súa páxina web un especial no que percorre a cronoloxía do desastre.
Máis de 13.000 barcos con materiais perigosos pasan, cada ano, fronte a Galicia
22 anos despois, as condicións para que se produza outro evento catastrófico de similares características seguen presentes. Polo Corredor de Fisterra, fronte a Galicia, seguen a pasar máis de 36.000 barcos ao ano, un 35% con mercadorías perigosas como o petróleo. Aproximadamente o 70% do transporte marítimo de petróleo na Unión Europea, cifrado en máis de 900 millóns de toneladas, realízase fronte ás costas do Atlántico e do Mar do Norte.
A xestión da crise
Para os especialistas entre o máis salientábel daquela desfeita orixinado pola enorme fenda no buque o 13 de novembro de 2002, estivo a neglixente actuación das autoridades antes durante e despois do accidente, así como a desinformación, que foi constante durante a xestión. Galicia sufrira até catro catástrofes similares nas tres décadas anteriores e, a pesares diso, non existían nin medios nin un plan de continxencia minimamente eficaz para abordar o naufraxio.
O Goberno agravou a catástrofe
Desde o primeiro intre, eses mesmos especialistas pediron que se refuxiase o buque para transvasar o fuel que transportaba, mais a decisión do Goberno foi afastalo, o que provocou unha catástrofe de dimensións continentais.
A mesma deixou preto de 3.000 quilómetros de costa contaminada, algo insólito até daquela. Doutra banda, tardouse moito en despregar a medidas anticontaminación das que se dispoñía que, ademais, resultaron escasas.
Xunto a isto, a desinformación oficial foi unha das principais características desta catástrofe de repercusión internacional: foi escasa, insuficiente e, en ocasións, falsa. Un exemplo foi a falta de recomendacións á poboación diante do posíbel impacto do fuel na saúde das persoas que accedían ás praias. Posteriormente, a organización ecoloxista afirma que o maior xuízo por danos ambientais da historia de España, que aconteceu 10 anos despois da vertedura, non sentou a todos os culpábeis no banco.
Nin unha soa responsabilidade política
En 22 anos nin un so dos cargos públicos do Goberno Aznar e da Xunta de Fraga asumiu responsabilidade algunha, mesmo melloraron nas súas carreiras, seguiron en postos relacionados co mar e, seica algún dos que tiña unha alta responsabilidade no Goberno galego, non tivo rubor algún en cualificar aos ecoloxistas, especialmente aos integrantes de Greenpeace como “gamberros, vandálicos”.
O impacto do verquido
As sucesivas mareas negras do Prestige contaminaron gravemente case 3.000 quilómetros de costa, desde Portugal e Galicia até Francia. Tivéronse que parar as actividades pesqueiras durante meses e moitos ecosistemas e especies foron arrasadas, incluíndo até 200.000 aves mariñas mortas, así como golfiños, londras, tartarugas e focas.
Distintas organizacións ecolóxicas chaman a atención sobre a falta dunha avaliación do impacto ambiental a curto, medio e longo prazo que caracterizase, avaliase e cuantificase todos os impactos da marea negra do Prestige, así como os efectos daquel fuel tóxico nas persoas.
A mobilización social
Por último, hai que lembrar tamén o bo que nos trouxo a catástrofe. Foi a sociedade civil, co desprazamento espontáneo ás costas de máis de 300.000 persoas voluntarias. Así, o movemento cívico ”Nunca Máis‘, quen se puxo á fronte do desastre, logrou mitigalo con eficacia e esixiu medios e responsabilidades cando máis facía falta.