A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente dous puntos de vertido de augas residuais en Vigo.
Valadares
O primeiro dos casos detectouse ao abeiro das inspeccións rutineiras que realiza o persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) na rede fluvial do concello, no marco das inspeccións efectuadas no ámbito territorial da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. O vertido estaba orixinado por un atranco da infraestrutura de saneamento municipal da Sobreira, en Valadares, que provocaba unha filtración de augas residuais ao dominio público. Tralo aviso á empresa de augas do Concello de Vigo, o episodio contaminante quedou solucionado.
Bembrive
Doutra banda, o segundo vertido afectaba ao curso fluvial do rego de Segade, ao seu paso polo lugar de Xestoso, en Bembrive, e foi localizado tras un aviso do servizo de emerxencias 112. A súa orixe estaba nun punto de desaloxo de augas pluviais do camiño de Freires, non que había caudal de aspecto turbio e cheiro a fecais no que se constatou a presenza de contaminación microbiolóxica.
Nos labores de busca da procedencia deste episodio, en colaboración cun técnico do Concello, localizáronse acometidas irregulares de varias vivendas da zona que afectaban á rede de pluviais, situación que se puxo en coñecemento dos seus propietarios para que adoptasen as medidas oportunas para a súa corrección. Os técnicos de Augas de Galicia puideron comprobar nunha inspección posterior que se executaran actuacións para solucionar a incidencia e unha nova mostraxe do caudal que desauga a través da canle de pluviais constatou o cese dos aportes contaminantes ao dominio público hidráulico.