Comarcas

En marcha, dende este luns, a nova campaña de control do transporte escolar

6 de cada 10 autobuses inspeccionados este ano presentaban algunha irregularidade

En marcha, dende este luns, a campaña de control do transporte escolar

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losadarealizou hoxe – coincidindo co inicio da campaña de control do transporte escolar -unha chamada de atención ao compromiso coa seguridade e a boa praxe das empresas que se encargan do transporte escolar, subliñando que “a seguridade dos nenos e nenas que suben a un autobús para ir ao colexio é unha cuestión absolutamente prioritaria”.

6 de cada 10 autobuses inspeccionados este ano presentaban algunha irregularidade

Losada lembrou que o 61% dos autobuses que foron inspeccionados nas campañas específicas da Garda Civil durante este ano tiñan algún tipo de irregularidade e, aínda que maioritariamente foron cuestións de carácter administrativo, tamén se detectaron algúns incumprimentos puntuais que cualificou como “preocupantes”. Así, fixo un “chamamento expreso” ás empresas para que “nas próximas campañas haxa cero sancións”. “Creo que é un compromiso perfectamente esixible”, aseverou.

Ata o día 22

O subdelegado supervisou esta mañá na N-556 en Mos o inicio da nova campaña especial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) sobre a seguridade viaria no transporte escolar, que se desenvolverá ata o día 22. Estivo acompañado pola xefa provincial da DXT, Paula Yubero, e polo capitán da Garda Civil de Tráfico, Roberto Prado. 

Durante estes días os axentes deterán os autobuses para revisar a documentación e as autorizacións para a prestación do servizo, revisarán o propio vehículo en canto as súas condicións técnicas, así como os elementos de seguridade. Tamén se revisará a habilitación e o permiso de condución dos choferes e os tempos de condución e descanso. Ademais os axentes verificarán o uso do cinto de seguridade, velocidade, alcol e outras drogas.

Galicia contabiliza o 5% dos accidentes de tráfico que se producen en España, pero, en cambio, supón o 17% dos accidentes con transporte escolar. Os sinistros máis habituais nos que se ven involucrados os autobuses escolares están causados principalmente por circular a unha velocidade inadecuada ou por distraccións. O subdelegado apuntou que na provincia de Pontevedra hai 753.603 vehículos e deles 1.128 son autobuses.


Outras novas


Terceira campaña no que vai de 2024

Esta é a terceira campaña específica de control do transporte escolar realizada este ano. As anteriores tiveron lugar en xaneiro e maio. Nelas controláronse 178 autobuses e impuxéronse 11 sancións, non obstante, detectáronse infraccións en 32 vehículos que non tiñan póliza de responsabilidade civil ilimitada, 20 non tiñan autorización especial para o transporte escolar, 7 non portaban o sinal de transporte escolar, 5 non levaban acompañante a bordo, 3 que tiñan o tacógrafo manipulado e 1 que tiña avariado o dispositivo luminoso con sinal de emerxencia.

Os datos demostran que estas campañas, ademais do control rutineiro que se fai tódolos días nas estradas, son necesarias”, incidiu Abel Losada. Ademais, o subdelegado do Goberno agradeceu o compromiso dos concellos que están colaborando coas súas Policías Locais nesta campaña, que son: Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Marín, Sanxenxo, Mos e Salceda de Caselas.

Características do autobuses escolares

Os autobuses escolares teñen que cumprir cunhas características moi concretas:

  • non poden ter máis de 16 anos se sempre se destinaron ao transporte escolar (en caso contrario son 10 anos de antigüidade)
  • as fiestras só poden abrir como máximo o terzo superior
  • os asentos da primeira fila deben ter mampara protectora
  • bebe haber prazas para persoas con discapacidade
  • e tódolos vehículos fabricados a partir de 2007 deben contar con cintos de seguridade, cuxo uso é obrigado
  • deben de contar con portas que abran por dentro e por fóra
  • mecanismos protexidos e con dous extintores, martelos e botiquín
  • os traxectos escolares non deben superar unha hora e con percorridos e paradas previamente autorizados
  • a póliza de responsabilidade civil debe ser ilimitada
  • a velocidade de circulación é 10 Km/h inferior ao sinalizado en tódolos tramos
  • debe haber acompañante adulto se máis da metade do alumnado ten menos de 12 anos e este ocuparase especificamente da seguridade nas subidas e baixadas ao bus
  • por último, ten que haber unha praza por neno/a e todos teñen que viaxar sentados

También te puede interesar