Co lema “ALTRI NON” e unha cheminea fumegante de 5 metros de altura, activistas de Greenpeace desprazáronse hoxe á sede principal da Xunta de Galicia, en San Caetano -Santiago- para esixir o descarte definitivo do proxecto de construción da macrocelulosa que a multinacional Altri quere levar a cabo en Palas do Rei.
As persoas activistas empolicáronse ao teito dunha das entradas ao recinto, que coincide coa entrada á oficina de atención á cidadanía e rexistro xeral, para denunciar os enormes impactos negativos que tería a fábrica en toda a bacía do Ulla e bloquearon o acceso en sinal de protesta.
Sen resposta de Rueda ás máis de 500.000 sinaturas presentadas en contra
Greenpeace pediu reunirse co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para trasladar os inconvenientes do proxecto, sen que nin sequera se producise unha resposta. Emporiso, hoxe a organización trouxo até a sede autonómica máis de 550.000 sinaturas de persoas que se opoñen ao despropósito de Altri, para esixir que se atenda a vontade da cidadanía.
“Unha bomba no corazón de Galicia”
“O proxecto que nos tratan de impoñer Altri e a Xunta de Galicia é unha bomba no corazón de Galicia. Os riscos para a biodiversidade, para a calidade do medioambiente e para o equilibrio socioeconómico da zona e do país enteiro non son asumíbeis desde ningún punto de vista. Hoxe traemos aquí máis de medio millón de sinaturas que piden á Xunta que emita, dunha vez por todas, unha declaración ambiental desfavorábel e, sobre todo, que deixe de ver o territorio como un simple lugar de extracción de materias primas. A nosa sociedade merece un desenvolvemento acorde co coidado da natureza, que é a que nos dá a vida”, declara desde San Caetano Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
Unha vertedura de 30 millóns de auga diarios
A acción quere chamar a atención sobre as insostíbeis dimensións que ten o proxecto de Altri, que afectaría a unha superficie dez veces maior que a de Ence, en Pontevedra. A macrofábrica emprazaríase, de xeito insólito, nun lugar que a propia Xunta xa identificou hai anos para engrosar a exigua rede Natura de Galicia, a máis pequena do Estado. Inclúe ademais un uso da auga –unha captación de até 46 millóns de litros ao día e unha vertedura de 30 millóns diarios– indecente e irresponsábel e a construción dunha cheminea de 75 metros de altura para emitir enormes cantidades de substancias precursoras da choiva aceda como óxidos de xofre e nitróxeno.
Greenpeace tamén advirte que o proxecto obrigaría a abrir un novo ciclo de plantación de eucalipto en Galicia, cando o necesario nestes intres é ampliar xa a moratoria a novas plantacións até 2030 e facela efectiva e verificábel.
Tamén en vigoalminuto
- La Avenida de Samil estrena cara
- Ofertas de Empleo en Vigo
- Greenpeace introduce unha gran cheminea fumegante na sede central da Xunta para esixir que se paralice o proxecto de Altri
- Cielos nublados y temperaturas bajas para terminar la semana
- Movistar y LALIGA llegan a Vigo con su experiencia de fútbol interactiva
- Povisa implanta su primer marcapasos sin cables
Máis de 23.000 alegacións en contra
O proxecto da macrocelulosa, que está nestes intres en fase de estudo ambiental por parte da Xunta de Galicia, recibiu un récord de alegacións en contra, máis de 23.000, e está a xerar unha grande onda de mobilización social. Mesmo máis de medio cento de organizacións ambientais dos cinco continentes remitiron unha carta contra o proxecto a autoridades da Xunta de Galicia e do Goberno de España.
Manifestación este domingo, día 15
Os colectivos ecoloxistas e veciñais chaman a toda a cidadanía a acudir á vindeira mobilización (convocada pola plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa), que terá lugar en Santiago de Compostela este próximo domingo, 15 de decembro, ás 12:00h., para esixir de forma masiva que se desbote o proxecto.