Comarcas

Concentración hoxe en Vigo contra a masificación turística

Ás 20:00h. na Farola de Urzáiz

Concentración hoxe en Vigo contra a masificación turística

Asociacións sociais, veciñais, sindicais e ecoloxistas de Vigo e O Morrazo que integran a Plataforma  Fronte a Masificación Turística Vigo – Morrazo convocan este venres -ás 20:00h. na Farola de Urzáiz-a unha mobilización por un “Vigo e O Morrazo para vivir” onde denunciarán os impactos negativos da masificación turística como o acceso á vivenda, a precariedade laboral, a saturación dos servizos públicos, o colapso do transporte e a alteración dos espazos naturais, entre outros.

Ademais, reclaman a moratoria de licencias para os alugueiros turísticos e o peche das ilegáis, a mellora das condicións de traballo no sector servizos, a garantía dos servizos públicos e uso razoable dos recursos e os espazos naturais, entre outras demandas.

Súmanse a esta convocatoria ADEGA Vigo-Morrazo, Amnistía Internacional, Asociación Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde, Asociación de Vecinos Zona Centro de Vigo, Asociación de Veciños Terra da Laxe de Pinténs, Asociación Ecoloxista de Bueu Anduxía, Asemblea Republicana de Vigo (ARV), Centro Social A Nubeira, CIG, Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo, CUT, Ecoloxistas en Acción Rías Baixas, Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC), Oficina de Valores Non Inventariables (OVNI), Plataforma de afectados polo turismo do Morrazo, Salvemos a Barroca, Sindicato de Inquilinas Vigo-Tui-BM, Verdegaia.

  • QUE: Mobilización Fronte á Masificación Turística, Vigo e O Morrazo para vivir
  • QUEN: Convocan 18 asociacións sociais, veciñais, sindicais e ecoloxistas de Vigo e O Morrazo*
  • CANDO:  Venres, 13 de decembro ás 20:00 horas.
  • ONDE: Na Farola de Urzáiz.

Ademais en vigoalminuto


Creada hai un mes

A Plataforma Fronte a Masificación Turística, escenificou a súa creación hai apenas un mes, precisamente diante da árbore de Nadal da Porta do Sol. Integrada por 16 asociacións de Vigo e O Morrazo, naceu co propósito de “frear os efectos negativos que o modelo actual de turismo de masas está a causar nestas zonas costeiras do sur de Galicia“.

Segundo indicou no acto de presentación a súa voceira Ana Freiría, de Ecoloxistas en Acción, non estamos en contra do turismo nin de que a xente visite e goce do que ofrece a nosa terra. O que rexeitamos é un modelo turístico insostible que lonxe de contribuír ó benestar social ten un alto impacto na vida das persoas e do territorio”. 

Máis que luces de nadal e praias no verán: cidades e vilas para vivir todo o ano.

Daquela, cando estabamos ás portas do nadal Vigués e despois dun período estival que bateu records de visitantes no Morrazo, a Plataforma Fronte a Masificación Turística Vigo – Morrazo reclamaba un espazo para todos, turistas e veciñanza.

Entre as súas demandas sinalaba:  limitar e regular estritamente as vivendas de uso turístico e aumentar a oferta pública de alugueiro social ata acadar a media da Unión Europea, o 15% do parque de vivenda, o que en Vigo suporía ter dispoñibles 23.000 vivendas para alugueiro social das 154.000 existentes.

Tamén pedía canalizar recursos para garantir o bo funcionamento dos servizos públicos e desenvolver unha estratexia de mobilidade pública e sostible, así como a mellora das condicións laborais na hostalaría.

Taxa turística

Outras das propostas que plantexa a Plataforma é a  aplicación dunha taxa turística para o desenvolvemento de proxectos sociais, culturais e ambientais a nivel local e o impulso da diversificación da economía alén do sector turístico.

Así mesmo, para evitar ós impactos no medio ambiente a Plataforma esixe o establecemento de límites ao fluxo de visitantes en zonas naturais sensibles, ampliar as zonas protexidas e a protección das árbores, vixiar o cumprimento da protección e limitar os cruceiros que chegan o peirao de Transatlánticos, dado as emisións contaminantes que producen. 

Te podría interesar