Galicia

Tráfico comezou este luns unha campaña de control de alcol e drogas ao volante

Con especial incidencia nas zonas de lecer deste Nadal

Tráfico comezou este luns unha campaña de control de alcol e drogas ao volante

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) inicia este luns unha campaña especial de control sobre a taxa de alcol e presenza de drogas en condutores. Coincidirá coa vixilancia das datas do Nadal. A campaña terá especial incidencia nas zonas de lecer, moitas delas en ámbito urbano, polo que promoverá a implicación dos concellos e dos seus policías locais.

O obxectivo, salienta a Delegación do Goberno, é concienciar sobre os riscos do consumo destas substancias ao volante, que están presentes nun terzo dos accidentes mortais como factor concorrente ou causante”.

A metade dos accidentes mortais relacionados co alcol e coas drogas

Estes datos despréndense da Memoria de investigacións toxicolóxicas en vítimas mortais de accidentes de tráfico do ano 2023, que revela que, dos 862 condutores falecidos en España en accidentes de tráfico e sometidos á autopsia e análise toxicolóxico, 431 deron positivo en alcol, drogas ou psicofármacos. Así mesmo, en canto aos 221 peóns falecidos por atropelo, 94 deles deron positivo en alcol, drogas e/ou psicofármacos.

Na mesma campaña realizada entre o 11 e o 17 de decembro de 2023 en Galicia, controlaron a 28.799 condutores e foron sancionados 597, dos cales 373 foron positivos en alcol e 224, en drogas. Por provincias, onde máis positivos se detectaron foi na Coruña, 235, e despois en Lugo, con 164, Pontevedra con 113 e Ourense con 85.

Máis de 28.000 controis

Desde xaneiro a outubro deste ano 2024, a Garda Civil levou a cabo en Galicia máis de 28.000 controis de verificación de alcol e drogas, nos que efectuaron 605.446 probas de alcol e 8.271 probas de consumo de drogas. Delas, 9.070 probas de alcol deron un resultado positivo e tamén 4.602 probas de drogas.

Te podría interesar