O Consello Parroquial de Chapela acordou na xuntanza deste mes, trasladar á Xunta de Galicia a súa queixa polo “deterioro sistemático” do Centro de Saúde. Así, asociacións e colectivos da parroquia denuncian que a falta de médicos e pediatras é constante, e que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non cubre as baixas ou vacacións dos facultativos. Isto supón longas lista de espera, e a día de hoxe hai que agardar ata 18 días para unha consulta co médico de familia.
Pediatría
No caso de Pediatría, os días que non hai especialista no Centro de Saúde de Chapela, non se substitúe a praza e os pacientes son derivados ao Centro de Saúde de Redondela. Isto supón un trastorno para as familias, que se ven obrigadas a facer este desprazamento, e ademais satura o servizo de Redondela, o que deteriora a prestación sanitaria. Os colectivos temen que, ante a próxima xubilación do pediatra do Centro de Saúde de Chapela, esta praza non se cubra e a parroquia quede sen servizo de pediatría.
Representantes das asociacións de Montes, colectivos culturais, asociacións veciñais, deportivas, de empresarios e Anpas acordaron por unanimidade trasladar á Xunta esta queixa, a través do Concello. A veciñanza reclama unha sanidade pública con medios suficientes e sen recortes, e denuncian a precarización da atención deste servizo público fundamental.
Otras noticias
- Hallan muerto a un hombre en una calle de Vigo
- Raphael padece un linfoma cerebral
- Losada cualifica de “xustiza poética” a compra dos terreos do narco Marcial Dorado para construír vivenda social
- Raquel Atanes e Juan Fuentes darán as badaladas por adiantadas, no Porriño, ao ritmo de ‘El Combo Dominicano’
Obras de mellora de camiños municipais
Tamén en Redondela, a Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade acaba de adxudicar os traballos de acondicionamento e mellora do pavimento en oito camiños municipais de diferentes parroquias. As obras van supoñer o asfaltado de 4.772 metros cadrados de superficie. Construcciones Caldevergazo é a empresa adxudicataria destas obras, por un importe de 91.718 euros que se financian con fondos propios do Concello. Os traballos comezarán en xaneiro, e teñen un prazo de execución dun mes.
Cesantes
A obra de máis envergadura será a do camiño de Baixada da rúa Campo de Fútbol á rúa Pedro Floriani, en Cesantes, con máis de 1.125 metros cadrados. A superficie de rodaxe desta baixada está moi deteriorada, e os traballos consistirán no reforzo do firme e a pavimentación de toda a superficie. Tamén en Cesantes se vai renovar o camiño Lugar de Vaqueiro, co asfaltado dunha superficie de 220 metros cadrados. Este camiño, con tramos de aglomerado e formigón, está moi deteriorado, polo que se procederá ao seu reforzo e pavimentado cunha capa de asfaltado de 5 centímetros.
Quintela
Na parroquia de Quintela asfaltarase o camiño Fogueteiro, cunha superficie de máis de 720 metros cadrados. Trátase dun camiño con tramos de aglomerado e formigón que se vai acondicionar cun novo asfaltado coa formación das pendentes axeitadas para a caída das augas pluviais.
O Viso
No camiño da Carreteira, no Viso, renovarase un tramo de 33 metros de longo que se atopa con fisuras e afundido. Actuarase nunha superficie de 171 metros cadrados, onde se fará un recrecido para nivelar o camiño e posteriormente estenderase unha capa de asfaltado de 5 centímetros.
Reboreda
En Reboreda a actuación centrarase na estrada da Quintana. A mellora do pavimento neste camiño farase nun tramo de 131 metros, que presenta fochancas e fisuras. Os traballos consistirán o reforzo do firme e novo asfaltado nunha superficie de 786 metros cadrados.
Redondela
No centro urbano de Redondela renovarase o camiño Subida á Estación, tanto o tramo que sube desde a avenida Ernestina Otero, como o que conecta coa N-552. Son en total 162 metros deste camiño os que se van pavimentar, con novo asfaltado nunha superficie de case 900 metros cadrados.
Vilar
Na parroquia de Vilar as obras de mellora realizaranse nun tramo do camiño do Cusqueiro, nunha lonxitude de 60 metros que está deteriorada, polo que se procederá ao reforzo do firme co asfaltado dunha superficie de 270 metros cadrados.
Cedeira
En Cedeira renovarase o camiño Coto do Coello en dous tramos que suman unha superficie de 580 metros cadrados. Acondicionarse cun novo asfaltado coa formación das pendentes axeitadas para a caída das augas pluviais.