O Bloque Nacionalista Galego denuncia que, doce días despois da súa denuncia pública, o Goberno municipal de Vigo continúa sen dar explicacións sobre a desaparición do lavadoiro de Poboadores e dos danos detectados na fonte da Barroca.
É por iso que o portavoz municipal do BNG de Vigo solicitou que se lle facilitase toda a información e acceso a toda a documentación relativa á retirada deste ben catalogado que conta con especial protección ao abeiro do PEPRI do Casco Vello. No entanto, malia que o regulamento orgánico do Pleno fixa un prazo máximo de cinco días naturais para atender as solicitudes de información de membros da Corporación, o executivo de Abel Caballero inda non deu resposta. Tampouco contestou á interpelación formulada polo BNG na última Comisión Informativa de Patrimonio Histórico. “Este silencio oficial só engade máis preocupación e alarma”, afirma Xabier P. Igrexas.
“Desprezo do Goberno local polo patrimonio cultural de Vigo”
“Doce días despois da denuncia pública feita polo BNG continuamos sen saber porque foi retirado o lavadoiro, se esa actuación contou con autorización e supervisión do Concello, e o que é máis importante a día de hoxe descoñecemos onde están as pezas do lavadoiro, en que estado de conservación e cando van ser restituídas”, lamentou.
Para o portavoz municipal nacionalista estes feitos son “un exemplo insultante do profundo desprezo do Goberno de Caballero co patrimonio cultural da nosa cidade, onde as obras dunha urbanización VIP como a do Barrio do Cura poden arrasar con pezas singulares e de alto valor histórico“, como son o lavadoiro de Poboadores e a fonte da Barroca, que é a máis antiga da cidade.
Tamén en vigoalminuto
- Hallan muerto a un hombre en una calle de Vigo
- Raphael padece un linfoma cerebral
- Losada cualifica de “xustiza poética” a compra dos terreos do narco Marcial Dorado para construír vivenda social
- Raquel Atanes e Juan Fuentes darán as badaladas por adiantadas, no Porriño, ao ritmo de ‘El Combo Dominicano’
Denuncia na Xunta
Diante desta situación, a fronte nacionalista vai volver esixir ao Goberno local que se lles facilite de inmediato toda a información e documentación, advertíndolle expresamente ao responsabilidades xurídicas de lles negar un dereito fundamental.
Alías, Igrexas anunciou que darán traslado da denuncia á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza, co obxectivo de que exerza as súas competencias de tutela e protección.