O conselleiro de Sanidade subliñou esta pasado martes, apenas 48 horas da manifestación convocada en Vigo en defendsa da sanidade pública que, dos aproximadamente 5.450 millóns de euros que se envisten este 2025 na sanidade pública galega, máis de 1.000 millóns se destinan a que a asistencia sanitaria que se lles presta aos veciños de Vigo siga a ser punteira.
Antonio Gómez Caamaño, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, interveu nun encontro de traballo con representantes da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao, celebrado na delegación territorial. Na xuntanza tamén participaron o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo Silva, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente.
“O Cunqueiro é un hospital público”
Na súa intervención inicial, o conselleiro de Sanidade incidiu en que o Hospital Álvaro Cunqueiro é un hospital público e ademais unha referencia en equipamento, deseño, condicións de traballo e sostibilidade. Segundo explicou, trátase dunha infraestrutura de vangarda e referente europeo, que marcou un antes e un despois na capacidade e calidade da asistencia sanitaria en Vigo.
Gómez Caamaño comparou os datos dos últimos catro anos de funcionamento do Hospital Xeral cos primeiros do Álvaro Cunqueiro, nos que a actividade cirúrxica programada se incrementou en 4.000 operacións máis ao ano (16 máis cada día); as probas diagnósticas aumentaron nun 308 %; e as sesións de quimioterapia para adultos incrementáronse un 93,5 %.
O conselleiro de Sanidade insistiu en que non se pode cuestionar a decisión adoptada en 2009 para a construción do hospital sen ter en conta o contexto da crise económica e a imperiosa necesidade que había de dotar a Vigo dun novo hospital. Incidiu en que non existía ningunha outra fórmula factible e viable daquela para poder facelo. Con outra fórmula, remarcou, as obras do novo hospital aínda a día de hoxe non estarían rematadas e non se tería afrontado a pandemia cun dos hospitais máis modernos de España.
Novas infraestruturas en Vigo
Antonio Gómez Caamaño lembrou que a Xunta, ademais de poñer en servizo recentemente o centro de saúde de Bouzas, está a investir 15 millóns de euros no novo Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia. Este centro, situado na antiga audiencia provincial na rúa Lalín, substituirá o centro de saúde López Mora e, ademais de “ofrecer instalacións que achegarán maior confort, accesibilidade e equipamentos, permitirá completar a carteira de servizos de atención primaria con fisioterapia, odontoloxía e farmacia”.
Ao mesmo tempo, o Goberno galego continúa a mellorar o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo coa recente creación da área de maxilofacial no Meixoeiro e a ampliación do hospital de día oncolóxico no Cunqueiro.
Para reforzar a atención á saúde mental, o Servizo Galego de Saúde creou a unidade de hospitalización infanto-xuvenil no hospital Álvaro Cunqueiro. “Os orzamentos da Xunta xa reflicten a vontade de incrementar o seu número de camas, ademais de poñer en marcha unha rede de psicólogos clínicos en centros de saúde de toda Galicia”.
Outras novas en vigoalminuto
- Tres individuos de entre 31 y 65 años, interceptados cuando conducían borrachos por Vigo
- Estreno de ’50 sombras, el musical’ en el Auditorio Mar de Vigo
- Siete detenidos y decomisada una importante cantidad de cocaína y una lancha, en una operación contra el narcotráfico
- A multinacional da paquetería GLS escolle o polígono do Rebullón para a súa nova plataforma loxística
- A Xunta anuncia, horas antes da manifestación en Vigo, o investimento de 1.000 millóns na área sanitaria
- Vialia Vigo acabó 2024 con más de 12,5 millones de visitas
195 millóns para Povisa
Por outro lado, Gómez Caamaño explicou o novo modelo de contrato con Povisa, un centro que presta asistencia a 115.000 persoas en Vigo, cunha duración de dous anos e un investimento de 195 millóns. Con el, a Xunta pasa a pagar por prestación realizada, en lugar dunha tarifa plana por pacientes, e increméntanse os mecanismos de control por parte da Xunta para velar pola calidade asistencial. Ademais, realizaranse investimentos para mellorar o hospital e melloraranse as condicións laborais do seu persoal. Igualmente, optimízase a carteira de servizos para que os pacientes sempre poidan acceder aos mellores tratamentos independentemente de que elixiran Povisa ou Cunqueiro.
Solucións: xubilación dos médicos aos 72 anos e homologación de títulos estranxeiros
No encontro ducias de veciños de Vigo puideron formular as súas inquedanzas ante os responsables da sanidade pública.
O conselleiro de Sanidade sinalou como principal problema da sanidade pública a falta de profesionais en especialidades como medicina de familia ou pediatría. Por iso, o Servizo Galego de Saúde está a facer un especial esforzo na optimización dos recursos dispoñibles e reclámalle ao Ministerio de Sanidade que solucione un problema de nivel nacional. Algunhas propostas urxentes que a Xunta lle solicita ao Goberno central son axilizar a homologación de títulos de médicos estranxeiros e permitir ampliar a idade de xubilación ata os 72 anos de forma voluntaria.