Cultura

Luar Na Lubre presentará en Vigo o seu último traballo con cancións emblemáticas

No que colaboraron Pablo Milanés, SÉS, Rosa Cedrón

Luar Na Lubre presentará en Vigo o seu último traballo con cancións emblemáticas

Luar na Lubre, un dos grupos do folk máis importantes de Europa, presentará no Teatro Afundacion García Barbón, o sábado 15 de febreiro, as cancións do traballo ‘Luar na Lubre XX. Encrucillada’, editado en formato libro-disco, que recolle algúns dos temas máis emblemáticos do seu amplo repertorio, coa participación de diferentes voces que pasaron polo grupo, ademais dunha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada historia, con testemuños de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo en Galicia.

Xira ‘Luar na Lubre XX. Encrucillada’

A xira ‘Luar na Lubre XX. Encrucillada’ será unha das máis importantes e simbólicas da súa longa e exitosa historia, pola magnitude do traballo que se presenta e porque será a antesala para a celebración do seu 40 aniversario en 2026, que ratificará á banda galega como unha das formacións máis importantes da historia e como un referente mundial da música folk.

O concerto celebrarase ás 20:00 horas, e as entradas (desde 24 €) pódense adquirir en Ataquillla en no despacho de billetes do Teatro, unha hora antes da actuación.

Unha banda de lenda

A piques de cumprir catro décadas de traxectoria, Luar na Lubre vendeu máis de 350.000 exemplares e recibiu dous Discos de Ouro, 9 Premios da Música e outros recoñecementos, dentro e fóra de Galicia. Ao longo da súa longa traxectoria, Luar na Lubre ofreceu concertos en máis de 50 países, participando nos festivais folk máis importantes do mundo e actuando xunto a artistas internacionais como Mike Oldfield, The Waterboys, o lendario grupo The Corrs ou Bob Geldof,  ou españois como Víctor Manuel, Miguel Rios, Luz Casal, Ismael Serrano, Pedro Guerra ou Diana Navarro.

A emblemática formación galega está formada por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos), Xan Cerqueiro (frautas), Brais Maceiras (acordeón) e Cristina López (cantante).


Tamén en vigoalminuto


Traballo número 20

‘Luar na Lubre XX. Encrucillada’, que será o último traballo en formato físico, ten carácter recompilatorio que contén unha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada historia, cos testemuños de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo, ademais de temas icónicos de todos os tempos que foron reinterpretadas con novas versións.

O seu traballo número 20, editado por Baía Edicións e as cancións do CD por Warner Music, festexa un simbólico ‘encontro de camiños’. Un emotivo e importante momento histórico a través dunha recompilación de músicas, relatos, fotografías e diverso material, para entender o que significa Luar na Lubre, que vai camiño de cumprir 40 anos de traxectoria.

Luar na Lubre, que significa ‘luar no bosque sacro dos celtas’, fundouse na cidade da Coruña en 1986, coa vocación de interpretar, desenvolver e divulgar a música e a cultura de Galicia. O seu repertorio está baseado fundamentalmente nas músicas de raíz, desde o respecto, pero con perspectiva de modernidade.

Te podría interesar