O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, vén de informar das cifras da provincia en materia de seguridade, logo do estudo dos datos de infraccións penais correspondentes ao peche do ano 2024 expostos na Xunta Provincial de Seguridade.
A conclusión e que hai unha baixada moi discreta do número de delitos -un 1,8% na demarcación da Garda Civil e un 0,1% no da Policía Nacional-. Losada subliñou que é o segundo ano consecutivo no que as cifras globais retroceden “nunha das provincias máis seguras, nun dos países máis seguros do mundo”.
Losada felicitou polo seu traballo aos máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra- o tenente coronel a Garda Civil, Óscar Grañas; ao comisario xefe provincial, Juan José Díaz, e ao comisario de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez-. Na xuntanza participou tamén a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, María José Rodríguez, que informou sobre os cambios derivados da entrada en funcionamento de VioGén2, o novo sistema de protección das vítimas.
Garda Civil
Durante 2024 a Garda Civil rexistrou 265 delitos menos (-1,8%) durante o ano pasado e realizou 1.251 detencións (un 6% máis). Por tipoloxías delituosas produciuse un importante incremento da ciberdelincuencia con 280 delitos máis, mentres que as agresións sexuais graves (con penetración) mantivéronse en 21 denuncias. Ao mesmo tempo, o resto de agresións sexuais incrementáronse de 88 a 104.
Valorouse, como especialmente favorable, o descenso dos roubos con forza que pasaron de 396 a 342 ao longo do ano (un 13% menos) no ámbito rural provincial.
Policía Nacional
A Policía Nacional rexistrou un leve descenso de 22 delitos (-0,1%) ao longo do ano e realizou 2.991 detencións (un 2,8% menos). Por tipos de delitos incrementouse nun 66% a ciberdelincuencia, mentres que as agresións sexuais graves (con penetración) subiron un 20% (de 49 a 59). O resto de agresións sexuais avanzou nun 6,9% (de 143 a 153). Ao igual que sucedeu no territorio rural descenderon os roubos con forza en vivendas; a mellora alcanzou un 12,8% (de 350 a 305).
Vigo
No ámbito urbano, por Comisarías destacouse que a de Vigo-Redondela pechou o ano cunha baixada dun 0,6% no número de infraccións delituosas; a de Pontevedra unha suba dun 7,12%; a de Vilagarcía unha baixada dun 12,5% e a de Marín unha alza dun 16,3%.
A este respecto, o subdelegado sinalou que as variacións locais teñen moito que ver coas tendencias de anos anteriores e significou que tras varios exercicios de redución adoita haber unha repunta que, normalmente, se corrixe ao ano seguinte.
Outras novas
- Una persona muerta y otra herida, en Benetússer, durante los trabajos de limpieza de la DANA
- As costas galegas rexistraron o ano pasado 689 varamentos de animais, a maioría cetáceos
- El Campus del Mar estará acabado a mediados de 2026 en los terrenos de la ETEA
- Hasta 1 ano de espera para consulta en Unidades de Saúde Mental do SERGAS de Santiago e Vigo
- A delincuencia descendeu en Vigo, moi discretamente, durante 2024
- Muere quemado en el interior de un coche, en Redondela
Importante subida da ciberdelincuencia
Abel Losada amosou a preocupación polo avance dos delitos cometidos por ciberdelincuentes, é dicir “as estafas perpetradas a distancia”, e que se van sofisticando ano tras ano e introducindo cuestións cada vez máis frecuentes como as operacións fraudulentas con criptomoedas. Neste sentido avogou por reforzar a labor preventiva con programas como o Plan Director (as charlas formativas dirixidas á comunidade escolar), pero tamén co Plan Maior (dirixido especialmente ás persoas de máis idade) e outros novos.
Ao mesmo tempo, o subdelegado salientou que as cifras veñen poñer no seu lugar algúns comentarios desenfocados sobre a existencia de “oleadas de roubos en vivendas do rural”. “É certo que houbo días e semanas concretas nos que nun determinado concello ou comarca se produciron varios roubos, pero, ao final, as estatísticas anuais ofrecen unha visión obxectiva e este ano, curiosamente, foi moi bo, como demostran os números, aínda que é perfectamente comprensible que a quen lle rouban na casa teña unha idea distinta”.
Unha delincuencia “máis ou menos estable”
Losada tamén afirmou que as estatísticas da Garda Civil e da Policía Nacional demostran que a delincuencia está “máis ou menos estable” dende hai algúns anos e por iso instou a tomarse con suspicacia “voces alarmistas e interesadas” que xorden de intereses sindicais ou partidistas. “Nun mundo ideal ninguén debería facer demagoxia con estas cuestións, igual que nun mundo ideal non debería haber delincuencia, pero o certo é que hai demagoxia e delincuencia”.
Violencia machista
Finalmente avaliáronse as estatísticas de violencia de xénero. Hai un total de 1.822 casos activos na provincia e 1.778 vítimas dadas de alta no sistema VioGén. Delas ningunha está en risco extremo, 16 están en risco alto, 255 en medio, 821 en baixo e 730 en risco non apreciado. Neste senso fíxose fincapé en que con VioGén2 desaparece o risco baixo.
Un total de 1.161 vítimas teñen orde de protección, 135 están dispoñen de teléfono Atempro (entrégase a criterio dos Servizos Sociais municipais ás vítimas de violencia de xénero e/ou sexual) e outras 51 dispoñen do dispositivo Cometa (entrégase polo Xulgado para asegurar que os maltratadores cumpran coa orde de afastamento).