Comarcas

O Porriño contará cunha sala lúdica municipal e novas instalación para Atención Temperá

Na contorna do Centro de Saúde e o Pavillón Municipal

O Porriño contará cunha sala lúdica municipal e novas instalación para Atención Temperá

O Concello do Porriño avanza na mellora dos servizos sociais e infantís co acondicionamento de novas instalacións que acollerán a primeira Sala Lúdica Municipal permanente e a nova localización do Servizo de Atención Temperá. Este proxecto, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, ten como obxectivo mellorar a atención ás familias e favorecer o desenvolvemento dos nenos e nenas do municipio.

Este novo local, situado na contorna do Centro de Saúde e o Pavillón Municipal, foi adquirido recentemente polo Concello por un importe de 169.183,79 euros máis IVE, e conta con tódalas condicións necesarias para ofrecer un servizo de calidade.

Sala lúdica municipal

O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, explicou a importancia desta iniciativa para as familias do municipio: “queremos poñer en marcha estas instalacións á maior brevidade posible, xa que son servizos moi demandados polas familias, e proba diso son os 89 pequenos e pequenas que están a ser atendidos no Servizo de Atención Temperá desde que se puxo en marcha. Este novo espazo permitirá prestar unha atención máis axeitada, cunha resposta máis rápida e eficaz”, afirmou.

Ademais, o novo espazo acollerá a primeira Sala Lúdica Municipal permanente do municipio. Despois dun período de proba no que se constatou unha alta demanda do servizo, confirmouse a necesidade de consolidalo como un recurso estable e continuo, destinado a favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias do Porriño.


Tamén en vigoalminuto


89 cativos no Servizo de Atención Temperá

Pola súa parte, o Servizo de Atención Temperá, que ata o momento se estaba a prestar en tres locais habilitados no Pavillón Municipal, -unha localización provisional para dar resposta á alta demanda do servizo-, tamén se trasladará a estas novas instalacións. O novo espazo contará cunha entrada independente, unha zona de recepción e atención, e tres salas habilitadas para fisioterapia, logopedia e psicoloxía, servizos fundamentais para tratar posibles trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos. A través dunha actuación interdisciplinar e conxunta, este servizo ofrece unha resposta global ás necesidades destes pequenos.

Co traslado ás novas instalacións, agárdase mellorar tanto as condicións de traballo dos profesionais como a atención aos usuarios, xa que o novo local concentrará tamén os servizos sociais, sanitarios e educativos, facilitando a coordinación e a atención integral ás familias.

Obras de repavimentación no camiño de acceso á Vitureira, na Vacaría

Así mesmo, deron comezo ás obras de repavimentación do camiño de acceso ás canteiras en Vacaría, na parroquia de Budiño. Este proxecto, que se enmarca dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2022-2023, forma parte do compromiso municipal coa mellora das infraestruturas no medio rural e conta cun investimento de 47.128,29 euros, IVE incluído. A intervención afecta a un tramo de 605 metros de lonxitude, cun ancho medio de 7,30 metros, discorrendo integramente por dominio público viario ou terreos de titularidade municipal. O prazo estimado de execución é de dous meses.

O alcalde salientou a relevancia desta actuación para a comunidade local, sinalando que “o mal estado deste camiño facía imprescindible unha intervención. Con estas melloras garantiremos un acceso máis seguro e eficiente ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, contribuíndo así ao desenvolvemento económico, social e cultural da parroquia de Budiño.”

Pavimento e drenaxes

As actuacións previstas abranguen a limpeza enérxica do pavimento existente, a demolición parcial de bordos e outras zonas en mal estado, así como a preparación do terreo para garantir unha base sólida e uniforme. Posteriormente, aplicarase unha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, compactada e selada, que permitirá ofrecer unha superficie renovada, resistente e segura para o tráfico. Ademais, contemplarase a mellora da drenaxe e o adecuado refino de noiros para garantir a estabilidade e durabilidade da obra.

Esta intervención permitirá unha notable mellora na seguridade viaria ao eliminar fochancas e superficies irregulares que dificultaban o tránsito e representaban un risco para os vehículos. Ademais, facilitará o acceso ao barrio da Vitureira e ao Centro Cultural A Forna, reforzando a conexión cos servizos esenciais e os espazos de encontro da comunidade.

Te podría interesar