Cultura

O público poderá ver o Mosaico de Panxón desde o vindeiro 7 de febreiro

Xa está en Nigrán, logo de aparecer en New York

O público poderá ver o Mosaico de Panxón desde o vindeiro 7 de febreiro

O mosaico romano de Panxón descansa xa no Concello de Nigrán despois dun periplo de máis de 14.112 km e 6 anos de trámites. A peza, do s. III d.C. e atopada á venda no 2018 nun anticuario de New York, chegou onte e foi desembalada este mediodía no Auditorio Municipal ante os medios de comunicación antes de exporse ao público a partir do venres 7 de febreiro e durante dous meses nun Salón de Plenos musealizado ao respecto. A partir de aí, a Biblioteca Municipal será o seu fogar definitivo.

De New York a Nigrán

A epopea do mosaico comezou en xaneiro de 2022 na galería Carlton Hobbs de New York, cando embarcou cara a súa sucursal en Londres, onde permaneceu máis dun ano paralizado pola burocracia extra do Brexit e, ao fin, chegase a Madrid o pasado 28 de novembro. Alí, na céntrica galería Colnaghi, entre Sorollas, Zuloagas e un Caravaggio, permaneceu exposto ata que este mércores emprendese o seu retorno definitivo en dúas caixas (por un lado a mesa e por outro o taboleiro de 125 kg, é dicir, o mosaico) cara o seu fogar, Nigrán.

Esta xoia á que se lle perdera a pista despois dunha poxa pública no ano 2000 na Galería Castellana de Madrid e que reapareceu no ano 2018 á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs de New York. Desde ese intre, o Concello de Nigrán puxo en marcha o engrenaxe para recuperalo e, a partir de 2019, da man de Gonzalo Fernández-Turégano, oriúndo da Ramallosa e quen constituíu a Asociación para la Repatriacion del Mosaico Romano de Panxón co fin de axilizar os trámites.

58.000€

Así, o Concello de Nigrán achegou a esta entidade 40.000€ dos 58.000€ que custou a súa compra coa condición indispensable de que pasase a formar parte do patrimonio municipal e, como tal, se expuxese nun espazo público da localidade.

A peza, en trámites para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) e 1m2 embutida nunha mesa feita no século XIX ao efecto de preservala, é o único fragmento que se conserva dun mosaico que se sabe moito maior.

Este anaco consérvase intacto e representa maxistralmente mediante coloridas teselas de mármore a fauna mariña, destacado un colosal peixe de 67 cm (un muxo) e unha parella de ameixas, un tema único nos achados de toda a área metropolitana.


Ademais en vigoalminuto


Formaba parte dunha villa romana

Este mosaico foi documentado polo miúdo nos anos 70 polo prestixioso arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo, quen no seu artigo “De novo sobre o Mosaico de Panxón e outras novas sobre a Musivaria na Gallaecia” relata a súa importancia e as súas vicisitudes. Así, segundo el mesmo expón, grazas a manuscritos do século XIX entregados por Xosé María Álvarez Blázquez, se sabe que a peza apareceu “en el sitio llamado el Castro” de Panxón pertencendo primeiramente a “Umbelina González Lavandeira, viuda do señor De Puga”, quen o tiña “en su casa de campo de la parroquia de S. Juan de Panjón” (os historiadores coinciden en que nesta zona existía unha importante villa no Baixo Imperio Romano, xa que tamén apareceron ánforas, moedas, un ara a Mercurio…).

En principio, o fragmento era máis grande, pero como o tiñan pola finca tirado, foron rompéndoselle partes, polo que os donos optaron por usalo para facer unha mesa. O escrito do s. XIX dí así: “… está sirviendo de cubierta de una mesa con el objeto de que no se estropease porque según me dijeron era mayor y como estuviese tirado lo iban destrozando, y para evitar su total desaparición han hecho aquella dándole la forma de cajón embutiendo en ella el mosaico de un metro cuadrado y 20 cm de espesor…”.

Colección Blanco Cicerón

Cara finais do século XIX o mosaico (é decir, a mesa co mosaico) pasa a formar parte da colección Blanco-Cicerón (mediante compra), onde parece que se conserva durante todo o século XX. No ano 2000 aparece nunha subasta da Galería Castellana de Madrid: lote nº 664 “mesa con mosaico romano”, desaparecendo ata o ano 2018, cando reaparece á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs e comeza unha súa epopea de regreso a casa que agora chega ao seu ansiado fin.

Te podría interesar