Este domingo, a asamblea da Comunidade de Montes de Tameiga votou maioritariamente a prol da nova delimitación do proxecto GS360 do Real Club Celta na súa afección sobre os terreos da parroquia. A directiva chegara a un preacordo co Celta que hoxe foi ratificado polo órgano decisor da comunidade: a asamblea da veciñanza comuneira. O
O acordo contempla que o clube prácticamente renuncia a ocupar o solo de Tameiga, xa que retira o pavillón “Arena”, o estadio de ata 5.000 persoas e os aparcamentos. A non ocupación dos terreos forestais de Tameiga reduce drásticamente ás afeccións a varias das traídas inicialmente afectadas.
De 70 hectáreas a 1,5
Das máis de 70 hectáreas ameazadas polo proxecto GS360, finalmente o club vai quedar cun total de apenas 1,5 hectáreas de propiedade comuneira, das que unha hectárea corresponde á parcela que actualmente ocupa as instalacións de Viveiros Adoa. Os 5.000 m2 restantes están destinados a ampliación dun treito da estrada anexa (EP-2605) e a construír dúas rotondas.
“Para nós, é un gran éxito”, valora o presidente da Comunidade de Montes, César Lago. “Tras sete anos de mobilización da veciñanza comuneira, logramos manter o monte comunal e protexemos as traídas de auga que abastecen a unhas 5.000 persoas”. “A partir de ahora”, continúa, “imos seguir traballando para que as obras do Celta teñan a mínima afección posible tanto na cantidade de auga dispoñible como na súa calidade”.
Unha vez a veciñanza comuneira de Tameiga aprobou a proposta, a Comunidade de Montes non continuará a vía xudicial contra o Celta e o GS360 a cambio de que o club comprométese a non ocupar nunca, no futuro, terreos do monte veciñal de Tameiga.