O pasado xoves anunciábanse os filmes nomeados aos prestixiosos premios da Academia de Artes e Ciencias Cinematográficas, os Oscars. O GFFF, o Festival Internacional de Cine Freak e Fantástico de Vigo celebra este anuncio, pois dentro das nomeadas atópanse dúas curtametraxes que estiveron presentes na súa edición de 2024, as cales deixaron unha gran pegada entre o público vigués, o cal puido desfrutalas o pasado setembro nos cines Tamberlick da Plaza Elíptica.
‘Wander to Wonder’ e ‘I’m not a robot’
Entre as candidatas están: Wander to Wonder da directora Ninga Gantz, nomeada nos Oscar 2025 na categoría de Mellor Curtametraxe de Animación, e que no certame vigués alzouse co premio Neuronas Fritidas por ser considerada a obra máis peculiar das máis se sesenta exhibidas na edición; por outra banda, I’m not a robot da directora Victoria Warmerdam é candidata a Mellor Curtametraxe de Ficción, unha peza que gañou o Premio Ben Dito ao mellor guión na edición de 2024 do GFFF e que conquistou ao público e ao xurado co seu humor negro e un guión brillante.
Deste xeito, o Galician Freaky Film Festival segue consolidándose como un referente do cine máis atrevido e innovador. O festival celebra con orgullo este recoñecemento internacional, que reforza o seu compromiso por apoiar o cinema de xénero e destacar obras creativas e rompedoras.
Aberto o buzón para a recepción de filmes
Co fin de seguir sorprendendo a un cada vez máis esixente público, o festival de cinema máis gamberro e divertido de Galicia ten xa aberto o buzón para a recepción de filmes que formarán parte da súa novena edición. A inscrición pode realizarse ata o 13 de maio de 2025 a través das plataformas Filmfreeway ou Festhome, ou de xeito gratuíto a través do formulario dispoñible na súa web.
No 2024, o GFFF recibiu preto de 400 filmes dos cinco continentes, cos que construíu unha abraiante escolma do máis destacado do audiovisual freak mundial máis recente. Unha selección que recibiu moi boas críticas por parte dos convidados, así como do público, quen arropou ferventemente este festival tan peculiar polo que pasaron máis de 2.500 freaks na súa última edición.
Tamén en vigoalminuto
- Caballero y la alcaldesa pedánea de Bembrive apuestan por la nueva autovía A-52 y prometen estar junto a los afectados
- O Concello de Tui declara loito oficial polo pasamento do concelleiro Xosé Martínez Tato
- Interceptado un conductor de 85 años, al que le falta el brazo derecho y que cambiaba de marcha con el izquierdo
- Detenido tras robar joyas en una vivienda de Redondela
- El temporal continúa dejando decenas de incidencias en la ciudad
- Se va Herminia y llega Ivo, un centro de bajas presiones
Terror, fantasía, ciencia ficción, comedia ou freak
A convocatoria que o Galician Freaky Film Festival lanza cada ano está aberta á participación de cineastas profesionais ou afeccionados de calquera parte do mundo, sen límite de traballos por autor, sempre e cando foran producidos en 2023 ou despois. Só se admitien curtametraxes, que deben ter unha duración máxima de 30 minutos e encaixar nalgún dos estilos do festival: terror, fantasía, ciencia ficción, comedia ou freak.
Tamén poderán presentarse filmes dirixidos a público infantil e familiar que queiran formar parte do Pequefreak, a xornada que, desde hai catro anos, o certame dedica en exclusiva a mergullar ao público miúdo na cultura freak e infundir a paixón pola sétima arte nas xeracións máis novas, e que, como avanzan os seus creadores, será aínda máis grande neste 2025.
9ª edición do GFFF
Os filmes seleccionados pasarán a formar parte da sección oficial da novena edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará entre os días 19 ao 27 de setembro, e optarán a algún dos 9 premios que o certame reparte, outorgados polo público e por un xurado especializado. Novamente, os gañadores das tres categorías máis destacadas do certame (Gran Premio GFFF á curtametraxe máis freak, Premio Olimpo dos Freaks á curtametraxe máis aplaudida e Premio Olimpo dos Pequefreaks á mellor curta cativa) recibirán un premio en metálico de 250€, ademáis da carismática estatuíña do Dinoseto decapitado.
Como novidade, este ano o festival inclúe un novo galardón, o premio Galician Freak, que se outorgará á curtametraxe galega máis votada polo público. Un xeito de contribuír ao fortalecemento da nosa industria audiovisual, e coa que o festival pretende fomentar o crecemento da canteira de cineastas de xénero en Galicia.
Absoluto freakismo
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Desde 2017 trae a nosa cidade unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só presentes nalgúns dos mellores festivais do mundo.
Unha abraiante selección de obras, unha coidada programación de actividades paralelas e un ambiente único fan que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para gozar do GFFF, unha experiencia que vai alén do cinematográfico e que se converte nunha auténtica experiencia de comunidade freak.
Un evento único na nosa contorna, que cada ano gaña máis adeptos e que por méritos propios xa falan del como o festival de cinema máis divertido de Galicia, e un dos festivais de xénero da península ibérica que non te podes perder.