O alcalde, Abel Caballero, a presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), María Méndez, e Fernando Blanco, comisario da mostra -acompañados pola fotoxornalista viguesa Mercedes Moralejo-, inauguraron este luns, na Casa das Artes, a exposición de fotografías de prensa “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, organizada pola APG e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.
Os mellores xornalistas gráficos de Galicia…
A mostra, que reúne 73 imaxes doutros tantos reporteiros gráficos que traballan en Galicia, acompañadas por textos elaborados por xornalistas que tamén desenvolven o seu labor na nosa comunidade.
“A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” permanecerá aberta ao público, con entrada libre, na Casa das Artes ata o próximo 28 de febreiro, nestes horarios:
- de luns a venres de 18,00h a 21,00h,
- sábados de 12,00h a 14,00h e de 18,00h a 21,00h
- e os domingos e festivos de 12,00h a 14,00h
… e de Vigo
Varias da imaxes expostas están asinadas por compañeiras e compañeiros de Vigo, que conforman unha das mellores xeracións de xornalistas gráficos da historia da nosa cidade, entre eles Adrián Irago (Europa Press); Alba Villar (Faro de Vigo); Jorge Landín (Atlántico Diario); Juan Carlos Gil (La Voz de Galicia Vigo); Marcos Canosa (Freelance, Vigo); Marta G. Brea (Faro de Vigo); Lalo R. Villar (Freelance, Vigo); Miguel Núñez (Freelance, Vigo); Miguel Riopa (AFP, Vigo); Sonia Daponte (freelance, Vigo) e Mercedes Moralejo (La Voz de Galicia, Vigo).
Unha mirada diferente
Precisamente, Moralejo reivindicou o traballo de “aquelas e aqueles que por vocación escollemos gañarnos a vida contando historias” e asegurou que esta era unha oportunidade, para os profesionais e para o público de apreciar “a nosa mirada diferente” en varias ducias de instantes, moitos deles parte de coberturas informativas.
Neles non só se atopan aspectos diferentes da realidade social, das reivindicacións ao lumes forestais, ou o do deporte aos sucesos, mesmo da economía ao lecer, a natureza e a inxustiza, tamén hai intres de manifestacións artísticas, a paisaxe, a natureza…ata a expresión humana irrepetibel.
Mercedes Moralejo desbotou a idea de que calquera cunha cámara dixital o un teléfono intelixente poida ser fotoxornalista e subliñou que o seu labor, o labor de todos e todas as profesionais é necesario, “facemos máis falla que nunca”, apuntou, amosando a súa satisfacción pola constitución do Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, co obxectivo de facer visible o traballo dos gráficos de prensa e xornalistas dos medios de comunicación de Galicia.