Comarcas

A Deputación celebra esta semana as primeiras das visitas guiadas ao Castelo de Soutomaior

Inclúe obradoiros, contacontos, un street escape e visitas guiadas

A Deputación celebra esta semana as primeiras das visitas guiadas ao Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana, entre este martes, día 4, e o sábado 8 de febreiro, as primeiras visitas guiadas temáticas polos xardíns do Castelo de Soutomaior para descubrir as camelias e a súa relación co mundo da moda.

Visitas guiadas, obradoiros ou contacontos

Trátase dunha das actividades enmarcadas na programación posta en marcha pola institución provincial nos meses de febreiro e marzo para achegar a camelia ao público xeral. Unha proposta que inclúe visitas guiadas para o público xeral e escolar, obradoiros, contacontos e incluso un street escape.

Estas visitas, que os xardíns do Castelo volverán acoller entre o 4 e o 9 de marzo, están dirixidas a grupos, escolares e particulares que queren descubrir a camelia dunha forma diferente, neste caso explorando a súa influencia no mundo do deseño e da alta costura.

Cunha duración de 90 minutos e un máximo de 30 persoas por quenda, estes percorridos temáticos teñen lugar de martes a venres ás 16:00 horas e a fin de semana ás 11:00 horas. As visitas para escolares serán gratuítas, mentres que as destinadas ao público xeral teñen un prezo de 3 euros e as entradas xa se poden adquirir na web do Castelo de Soutomaior.

Percorridos especiais

En todos os casos, as visitas estarán dirixidas por persoal do Castelo, que centrarán o percorrido na floración da camelia, a evolución desta especie e a súa relación coa provincia de Pontevedra.
Ao longo de febreiro e marzo será posible gozar tamén doutros percorridos especiais centrados na relación da camelia con diferentes ámbitos.

Son Camelia e literatura, unha viaxe literaria a través dos textos que inmortalizaron esta flor, cuxas primeiras citas tiveron lugar esta fin de semana e se repetirán do 25 de febreiro ao 2 de marzo e do 25 ao 30 de marzo, e Camelia e saúde, que permitirá descubrir as propiedades beneficiosas desta flor na cosmética natural, do 11 ao 16 de febreiro e do 11 ao 16 de marzo.

Street escape

A programación de actividades deste ano para dar a coñecer a camelia ao público, inclúe o street escape, unha experiencia similar os coñecidos escape rooms, pero ao aire libre, na que as e os participantes deberán resolver enigmas e probas nos xardíns do castelo.

Trátase dunha experiencia dixitalizada, gratuíta e para todos os públicos, na que só é necesario o teléfono móbil e conexión a internet. Comezará o 9 de febreiro ás 16:30 horas e, a partir dese día o público poderá gozar da experiencia de maneira autónoma a través do código QR situado no despacho de billetes do castelo.

Ademais, hai programados diferentes obradoiros, tanto para nenos como para público adulto. Desta
maneira, os días 16 de febreiro e 16 de marzo, ás 11:00 horas e cunha duración de dúas horas, está
programado un obradoiro de ecoprint, é dicir, estampaxe botánica dirixido a un público adulto, cun aforo
máximo de 30 persoas e un prezo de 8€.


Tamén en vigoalminuto


Cativos desde 3 anos

Para os pequenos e pequenas a partir de tres anos haberá dous obradoiros diferentes. Por unha banda, un de origami, “Arte con papel”, que terá lugar os días 22 de febreiro e 22 de marzo ás 16:30 horas,e, pola outra, o de pintura ao aire libre, “Pinceladas de Camelia”, que terá lugar o 2 de marzo tamén ás 16:30 horas. Ambos obradoiros teñen un prezo de 8 euros e, mentres que o primeiro ten un aforo máximo de 20 persoas, o segundo é de 30.

Ademais, os días 23 de febreiro e 23 de marzo, ás 16:30 horas e cunha duración dunha hora, terá lugar o contacontos “Lendas que florecen”, que incluirá relatos inspirados na maxia das camelias e na historia do castelo. Pensado para público infantil a partir dos 3 anos, ten un aforo máximo de 30 persoas e as entradas teñen un prezo de 8 euros.

Te podría interesar