Comarcas

Comeza na AP-9 a campaña de Tráfico de control de camións e autobuses

Coa inspección do estado dos vehículos, tempos de condución ou consumo de alcol e drogas

Comeza na AP-9 a campaña de Tráfico de control de camións e autobuses

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, acompañado da directora provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), Paula Yubero, e do capitán do  Subsector de Tráfico de Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, supervisou hoxe na AP-9 en Vigo o inicio dunha nova campaña de vixilancia e control de camións e autobuses, levada a cabo en colaboración entre a Dirección Provincial da Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil de Tráfico. A mesma ten coma obxectivo reforzar a seguridade viaria e reducir a sinistralidade nas estradas.

Losada subliñou que os accidentes nos que están implicados vehículos pesados adoitan ter consecuencias máis graves, polo que “é fundamental concienciar os condutores e garantir que estes vehículos cumpran todas as normativas de seguridade para previr sinistros”.

Controis

Así, a Garda Civil de Tráfico intensificará os controis ao longo da semana para inspeccionar aspectos clave como o estado dos vehículos (pneumáticos, suspensión, ITV, etc) os tempos de condución, a estiba da carga e o exceso de peso ou o consumo de alcol e drogas por parte dos condutores. Tamén se revisará o uso do cinto de seguridade e a documentación de condutores, vehículos e transportistas.

Para o subdelegado esta campaña é especialmente necesaria na provincia de Pontevedra, que rexistra unha elevada densidade de tráfico pesado debido á presenza de tres portos de interese xeral do Estado e á circulación constante por vías de alta capacidade como a AP-9 e a A-52.

O transporte de mercadorías e viaxeiros é fundamental para a economía da provincia, pero tamén supón un factor de risco que obriga a extremar as precaucións e a garantir que todos os vehículos cumpran os requisitos de seguridade”, explicou Losada. O subdelegado incidiu en que os accidentes nos que están implicados vehículos pesados adoitan ter consecuencias máis graves, polo que é fundamental a realización deste tipo de campañas para previr sinistros e concienciar aos condutores.


Tamén en vigoalminuto


Balance da última campaña e situación do parque móbil

Abel Losada informou de que a última campaña de control de camións e autobuses realizada en 2023 -que non puido repetirse en 2024 debido ás mobilizacións agrarias- permitiu revisar un total de 407 camións e 39 autobuses na provincia de Pontevedra. Como resultado, denunciáronse 95 camións e 13 autobuses por diversas infraccións, desde deficiencias técnicas ata incumprimentos nos tempos de condución e manipulacións do tacógrafo.

Así mesmo, explicou que na provincia están matriculados actualmente 44.053 camións, dos que 5.996 superan as 3,5 toneladas, así como 1.143 autobuses.

2024

No que levamos de ano, non se rexistraron falecidos en sinistros con camións ou autobuses en vías interurbanas da provincia. Con todo, desde 2015 houbo 4 falecidos en accidentes de camións e 7 en autobuses, que se corresponden co tráxico suceso de Cerdedo-Cotobade na Noiteboa de 2022.

Durante 2024, producíronse 75 accidentes con vítimas nos que estaban implicados camións e autobuses. Concretamente, en camións de menos de 3.500 kg producíronse 14 sinistros con vítimas e 1 falecido, en camións de máis de 3.500 kg, 53 sinistros con vítimas e 3 falecidos e en autobuses, 8 sinistros con vítimas e ningún falecido.

ITV

A seguridade viaria tamén depende do mantemento axeitado dos vehículos. Durante 2023, detectáronse: 2.023 camións e 3 autobuses con ITV caducada. 112 camións e 1 autobús con ITV desfavorable e106 camións con ITV negativa.

O subdelegado do Goberno agradeceu o traballo da Garda Civil de Tráfico e da Dirección Provincial de Tráfico para garantir a seguridade nas estradas. Os controis son unha ferramenta fundamental para reducir os accidentes e mellorar a seguridade dos profesionais do transporte e dos usuarios da vía pública. En estradas con tráfico pesado tan intenso como as nosas, con portos e corredores viarios clave, cómpre redobrar esforzos e seguir avanzando en prevención”, concluíu Losada.

Te podría interesar