Vía Galega -que aglutina a 61 entidades de diferentes ámbitos do tecido social galego- chama a participar na manifestación convocada por Queremos Galego que, o vindeiro domingo 23 de febreiro, percorrerá as rúas de Compostela a prol do noso idioma para reverter a situación de emerxencia en que se atopa o galego.
A situación preocupante de perda de galego-falantes e da ruptura xeracional do uso do noso idioma responde á “política lingüística despregada pola Xunta de Galiza. Unha política deseñada a perpetuar os prexuízos sobre o galego, a impedir e obstaculizar a súa utilización, a negarlle todos os dereitos e a perseguilo en diferentes ámbitos e usos”.
Dende Vía Galega entenden que o obxectivo é ir subordinando cada vez máis o noso idioma ao español, ilo asimilando, “até a substitución lingüística total da lingua propia, o galego, pola imposta, o español”. Por iso, aseguran que “resulta obsceno que a Xunta de Galiza e o PP continúen falando de aplicar un “bilingüismo cordial”. Unha falacia inviábel socialmente”.
Impor o español
Os representantes de Vía Galega denuncian que a pretensión non é outra que seguir a impor a lingua dominante, o español, provista de todos os dereitos, en detrimento do uso do galego. Así, engaden, o futuro para o noso idioma pasa por un “cambio de rumbo radical” que leve a paralizar a persecución e marxinación da nosa lingua e a promover a normalización lingüística no conxunto da sociedade.
“Basta xa de argucias para manipular e enganar á opinión pública. Isto é o que encerra a proposta propagandística do Pacto pola Lingua que, xa inicialmente, exclúe a diferentes entidades e organizacións, entre as cales está Vía Galega, pretendendo, así, conformar un marco que lle lexitime as súas actuacións”.
Tamén en vigoalminuto
- Multa de 10.800€ a Rubiales por agresión sexual, en el caso del beso a Jenni Hermoso
- Detenido por un robo con intimidación a un taxista
- Activada a alerta laranxa por temporal
- La oposición fuerza un Pleno sobre Guns N’Roses, “Caballero debe una explicación a los vigueses, no a Risto Meijide”
- Oncólogos advierten en Vigo del “significativo incremento” de casos de cáncer de pulmón en mujeres
- Luisa Sánchez, juventud y experiencia
Plano Xeral da Normalización Lingüística no Parlamento Galego (PXNLG)
“Fai falta moito descaro para que despois de 20 anos de aprobar por unanimidade o Plano Xeral da Normalización Lingüística no Parlamento Galego (PXNLG) e que o PP non só se negou a aplicar, senón que lexislou en contra del, veña agora vender consensos, cando, nin sequera, está disposto a asumir dito Plano nin o derrogar o decreto da vergoña”.
Vía Galega estima que “estamos ante un goberno farsante, pois a realidade é que mentres anuncia este pacto continúa lexislando contra o galego e a súa utilización”. Neste sentido pon coma exemplos:
- o voto en contra do uso do galego no Parlamento Europeo
- supresión do coñecemento da nosa lingua para o acceso á CRTVG
- ausencia do galego no proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial na Galiza
- ou a despensa de coñecemento do galego para traballar nos campamentos de verán da Xunta
“Basta xa de política galegofóbica”
Ante esta situación, os responsábeis de Vía Galega consideran que é imprescindíbel derrogar o Decreto 79/2010 para o Plurilingüismo no ensino non universitario que supón que o ensino en galego na Educación Infantil sexa case inexistente e que prohibe ministrar en galego as Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química e, por tanto, “implica que hoxe o ensino en galego sexa marxinal nos centros educativos, converténdose no artífice principal de que na escola se perdan galego-falantes”.
“Non caben subterfuxios, nin discursos retóricos”. Necesítase, urxentemente, para avanzar na procura da normalización lingüística: reverter a emerxencia na que está a nosa lingua, garantir o uso do noso idioma en toda situación, lexislar a favor do uso do galego, promover a súa utilización en todos os ámbitos e funcións, vehiculizar o ensino en galego en todas as etapas e niveis educativos, derrogando o decreto da vergoña, e reactivar do PXNLG.
“Para iso, facemos un chamamento para que as rúas de Compostela, o 23 de febreiro, sexan un clamor para esixirlle a Xunta de Galiza que pare de atacar ao galego e asuma que o noso idioma é o futuro de Galiza”.