A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou este mércores en Vigo o borrador do “proxecto de lei de medidas para a consolidación, afianzamento e radicación empresarial e contra a deslocalización” elaborada polo BNG co obxectivo de “promover a permanencia das empresas en Galiza” e, sobre todo, garantir que as axudas públicas que reciben industrias e compañías “teñan un retorno económico e social no País”.
Así o avanzou Pontón nun encontro con delegados e delegadas sindicais e integrantes dos comités de distintas empresas e sectores de Vigo e comarca no que tamén participaron Brais Ruanova, portavoz parlamentario de Economía e Industria, e Xabier Pérez Igrexas, portavoz municipal en Vigo, cidade elixida polo Bloque para presentar esta proposición de lei por ser esta unha das máis afectadas nas últimas décadas por importantes deslocalizacións de emprego.
Evitar que as empresas se deslocalicen e destrúan empregos despois de recibir axudas públicas
“A proposición de lei do BNG ten por obxectivo evitar que as empresas ou as industrias se deslocalicen e destrúan postos de traballo despois de ter recibido axudas públicas millonarias que saen dos impostos que pagan os galegos e as galegas”, explicou a líder nacionalista, quen recalcou a necesidade de que estes recursos que se lle drenan ás industrias “sirvan para afianzar as empresas e para crear emprego no País”.
Pontón advertiu das deslocalizacións que afectan a “sectores clave” da economía galega como o da automoción, o tecnolóxico ou o conserveiro, que nas últimas décadas están perdendo empresas e emprego que se acaban localizando en Portugal, Marrocos, Arxelia ou China, nun proceso que, no caso concreto do sector automobilístico, non só incide na empresa matriz senón tamén nas auxiliares, que aplican recortes de persoal mentres abren centros de produción fóra de Galiza.
Pasividade de Rueda
Por iso, e fronte “á pasividade” dun Executivo de Alfonso Rueda “que carece dunha política industrial de futuro”, o goberno alternativo do BNG traballa xa nesta proposición de lei “anti-deslocalizacións” que vai levar proximamente ao Parlamento para non permanecer “de brazos cruzados” mentres se perden miles de empregos e riqueza.
Neste sentido, Pontón considerou preciso dotar a Galiza de instrumentos legais para que as empresas beneficiarias de axudas públicas manteñan a súa actividade empresarial no territorio galego e adquiran un compromiso co emprego. “O que non é de recibo e un disparate é que esteamos financiando con cartos públicos as empresas que despois de deslocalizan“, alegou.
Devolver as axudas públicas con xuros
A líder nacionalista lembrou o esforzo económico que sae do peto de todos os galegos e galegas nas axudas públicas e que exemplificou na automoción, para a que o Goberno do PP anunciou subvencións por importe de 230 millóns de euros até o ano 2027 para a transformación do sector do automóbil eléctrico ou de 50 millóns para as auxiliares. “Estamos falando de contías moi importantes e temos que velar que eses recursos redunden no ben común”, reclamou.
Así pois, o que propón o BNG neste proxecto de lei é que as empresas que reciban axudas públicas deben ter un compromiso de permanencia e que, no caso de incumprir, é dicir, de deslocalizar a súa produción, deben reintegrar todas as subvencións recibidas nos últimos dez anos, así como os xuros correspondentes.
Ademais, terán un recargo do 25% como penalización polos prexuízos causados por ter acaparado uns recursos que se poderían ter destinado a outros proxectos empresariais que, realmente si tiveran impulsado a creación de emprego e o tecido produtivo.
- La planta de Stellantis transforma su proceso de pintura para hacerlo más sostenible
- Cinco nuevas viviendas de promoción en el Casco Vello
- Ponteareas destinará preto de 19 millóns á mellora da rede de abastecemento e saneamento
- Salceda presenta ‘o mellor Entroido da provincia’
- Hasta el domingo, no dejará de llover
- Multa de 10.800€ a Rubiales por agresión sexual, en el caso del beso a Jenni Hermoso
Industrialización
En definitiva, afondou Pontón, o texto lexislativo trata de impulsar a industrialización do País e protexer o emprego, introducindo instrumentos que teñen un “perfecto encaixe legal” e que vai na liña dos que xa desenvolveron outros gobernos, como por exemplo os de Euskadi ou Navarra, para blindar as axudas públicas e garantir que os recursos teñan un retorno nos seus respectivos territorios.
Emerxencia laboral
Pola súa parte, Xavier Pérez Igrexas advertiu da “situación de emerxencia laboral e produtiva” que padece Galiza e singularmente a área de Vigo, cunha destrución continuada de base industrial e emprego tal e como demostran os datos da EPA, polo que reclamou ao Executivo do PP que poña fin a súa “política de brazos caídos” e despregue unha “verdadeira política industrial” que permita que a comarca de Vigo volva ser o “potente pulmón produtivo” do País.
E, con este obxectivo, tamén considerou preciso “poñer fin á estafa” que supón subvencionar con millóns de euros en axudas públicas a “precarización laboral e a deslocalización empresarial”. “Os recursos públicos non poden servir para facilitar a saída do noso país de actividade produtiva, de coñecemento e de emprego”, concluíu