O Concello de Salceda de Caselas presentou a súa festa máis tradicional: o seu Entroido centenario. Fai máis de 135 anos que os barrios do Castro Barreiro e da Feira se enfrontan na súa particular batalla por ter o mellor entroido.
Do venres 28 de febreiro ao martes 4 de marzo
Así, o concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez e a alcaldesa, Loli Castiñeira, expuxeron os diferentes actos organizados ao longo de toda a fin de semana, falando de “tres Entroidos en un”, en referencia aos tres grandes desfiles que se organizan en Salceda:
- o desfile escolar con máis de 1.500 persoas de 0 a 18 anos o venres, 28 dende as 11:00h.
- máis de 1.200 no XXVI desfile de carrozas e comparsas o domingo, para o cal aínda está aberto o prazo de inscrición dominfo, 2 de marzo ás 17:00h.
- e cerca de 400 persoas no centenario do enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira, o luns 3 e martes 4
Eva e María de Castro Barreiro, e Sofía e Benito da Feira encargáronse de poñer a parte de enfrontamento na presentación, sen soltar a máis mínima información sobre todo o que están a preparar en ámbolos dous barrios para o luns e martes de Entroido, os seus días grandes. Non será ata a noite do xoves cando se faga público o pesquín de cada un dos barrios, no que ademais de recollerse a información sobre as verbenas e a programación, se adica tamén un espazo importante aos “chistes” ou “sainetes” sobre acontecementos que se suceden durante o ano á veciñanza do barrio rival.

O motor do Entroido
Alex Rodríguez definiu precisamente a Castro Barreiro e A Feira como o “motor” do Entroido salcedense, dos que partiron moitos outros entroidos nas últimas décadas. O concelleiro quixo salientar, ademais, que este é unha labor en equipo, no que agradeceu o esforzo da equipa de goberno, así como do persoal municipal e o voluntariado preciso para levar a cabo a programación.

Declaración de Festa de Interese Turístico
Pola súa banda, Loli Castiñeira informou ademais do traballo que se está a rematar estes días para completar a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico, con incorporación dos últimos pasos dados na recuperación do Entroido tradicional co rancho e os cabaleiros por parte do barrio da Feira. A alcaldesa amosou o orgullo do Entroido centenario de Salceda, así como do dinamismo social e cultural do Concello que fai que cada evento sexa un éxito de participación, especialmente no Entroido que definiu como “o mellor da provincia”.

Punto violeta
Por vez primeira este ano instalarase un punto violeta na verbena do luns, nesta ocasión no torreiro do barrio da Feira, e que cada ano estará nun dos torreiros de xeito rotativo. O punto contará con persoal especializado que atenderá posibles incidencias, dúbidas e todas as cuestións que poidan xurdir sobre casos de violencia machista, acoso sexual ou similares.
Finalmente, a alcaldesa de Salceda destacou o apoio do Concello a esta festa, ano tras ano, e amosándose convencida de que “estea quen estea no Goberno municipal en cada momento, sen dúbida o Entroido seguirá sempre a recibir sempre este respaldo, non tería sentido non facelo“.