Galicia

O primeiro iogur con prebióticos para cans e gatos, é galego

A empresa Dairypet está presente en 2.000 puntos de venta de Asía, América e Europa

Dairypet comercializa o primeiro iogur con prebióticos para cans e gatos

A empresa Dairypet, con sede en Poio, comercializa o primeiro iogur con prebióticos activos para cans e gatos´. Dairypet desenvolve produtos lácteos e outros complementos alimenticios innovadores, elaborados con ingredientes totalmente naturais e que melloran a saúde das mascotas.

Así, a firma colabora directamente con gandeiros e cooperativas locais “para asegurar a frescura e calidade dos seus produtos. A esta filosofía de proximidade engádese o seu compromiso coa sustentabilidade, a responsabilidade social e o benestar animal”.

Iogur sen lactosa, sen azucre e con prebióticos

Un dos seus produtos máis destacados é un iogur natural elaborado sen lactosa, sen azucre e con prebióticos certificados; ao tempo que mantén todos os seus beneficios nutricionais, non precisa refrixeración. Ademais, ofrece outras variantes de iogur con distintas funcionalidades adaptadas ás necesidades das mascotas: brillo de pelame e pel ou mellora da saúde articular e dixestiva.

Dentro da súa gama láctea, atópanse produtos con probióticos para reforzar o sistema inmune dos animais, iogures xeados con distintos aromas e leite funcional para cans e gatos -un produto revolucionario e pioneiro-.

Tres continentes

A pesar da súa curta traxectoria -nace en 2021-, xa logrou situarse en máis de 30 países e máis de 2.000 puntos de venda en territorios clave en Europa, Asia e América. Entre os países onde os seus produtos teñen unha maior aceptación atópanse Singapur, Kuwait, Bélxica e Taiwán.

Tralo seu paso por “Galicia Avanza,” está a consolidar a súa presenza nestes mercados, ao tempo que se está a abrir a outros novos de interese como os Estados Unidos e Reino Unido. “No marco do programa, avanzouse na obtención de certificacións e no rexistro da marca en Arabia Saudita, un dos mercados máis importantes en Oriente Medio e cun gran potencial de crecemento”.

Galicia Avanza

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, entidade encargada da súa xestión e coordinación. Na terceira edición do programa, que acaba de concluír, participaron 21 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade.

Durante os 8 meses de duración do programa, traballouse na saída ao exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras firmas.

Te podría interesar