A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de admitir a trámite o recurso presentado polo grupo municipal do PP de Redondela contra a modificación da ordenanza reguladora do servizo de recollida, transporte e tratamento de lixo que supuxo que, desde o presente ano, “esta taxa se incrementase nunha media do 165% tras a súa aprobación en pleno por parte do goberno de Digna Rivas co apoio dos seus socios de AER e BNG”, apunta o voceiro, Javier Bas.
O Alto Tribunal galego ditaminou que vai estudar e tomar en consideración a reclamación presentada polos populares e vén de dar o seguinte paso neste proceso reclamándolle ao Concello de Redondela o expediente completo nun prazo máximo de vinte días.
“Suba estratosférica”
Cómpre lembrar, engade Bas, que “o bipartito de Redondela impulsou unha suba estratosférica da taxa do lixo para o presente ano 2025 e seguintes que se situou nunha media do 165%, o que supón, de longo, o aumento deste tributo máis elevado de entre os 61 concellos da provincia de Pontevedra e que, entendemos, se realizou exclusivamente para pagar débedas e tapar a mala xestión económica de Digna Rivas”.
De 900.000 a 2.500.000€
Este incremento fiscal, segundo as primeiras estimacións, disparará a recadación de 900.000 a case 2,5
millóns de euros anuais “sen buscar ningunha sostenibilidade no servizo, senón unicamente para tapar buratos nun concello que chegou a ter 4 millóns de euros en facturas impagadas e que lle ten que devolver estes cartos adiantados ao Estado”.