Comarcas

Merca na rúa, no Porriño, con descontos de escándalo

En horario ininterrompido, de 10.00 a 21.00 horas

Merca na rúa, no Porriño, con descontos de escándalo

Unha vintena de postos comerciais instalaranse na zona peonil do Porriño ofrecendo os mellores prezos de fin de tempada dunha gran variedade de produtos. Morea, o Centro Comercial Aberto do Porriño, celebra a trixésimo primeira edición da súa Feira de Oportunidades “Merca na rúa” este venres 14 e o sábado 15 de marzo, en horario ininterrompido, de 10.00 a 21.00 horas.

“Animamos a toda a veciñanza e tamén a persoas doutros concellos a que se acheguen nestas dúas xornadas ao Porriño e se poidan beneficiar dos importantes descontos que nos ofrecen os nosos comerciantes”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo á vez que cualifica esta iniciativa, xa tradicional cada fin de verán e de inverno na vila Louro, “de gran impulso do comercio de proximidade, ao cal non deixaremos de apoiar e colaborar con el en actividades dinamizadoras como esta, unha cita bianual marcada xa no noso calendario festivo”.


Tamén en vigoalminuto


Con programación de lecer

E é que esta Feira de Oportunidades leva sempre asociada unha programación de lecer para toda a familia. Así, polas tardes haberá obradoiros infantís, de 17.00 a 19.00 horas, e tamén inchables para a cativada, en horario de 16.00 a 19.30 horas e o sábado pola mañá de 11.00 a 14.00 horas.

A concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, destaca o “gran esforzo do comercio local e a implicación e posta en marcha de accións incentivadoras como esta, pois son dúas xornadas nas que, tradicionalmente, as vendas vense incrementadas, dando tamén saída ao stock de fin de tempada”. Na feira poderemos atopar unha gran diversidade de artigos con maior presenza de téxtil, dende moda para adulto e infantil, zapatería, complementos e mercería.

Te podría interesar