A promotora viguesa Sinsalaudio, organizadora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia que se celebra cada verán na illa de San Simón, presenta esta semana o cartel do seu evento Sinsal Primavera, os concertos eclécticos que promove cada ano na súa cidade natal da man do Concello de Vigo.
A nova edición do Sinsal Primavera florece liberada de prexuízos de xéneros e con tres propostas tan interesantes coma diferentes entre si e que se estrearán en España: desde a voz operística e en constante metamorfose de Joseph Keckler até o jazz contemporáneo dos belgas Bombataz, pasando polo garage-punk da banda inglesa Chemtrails. Sen dúbida, unha edición que non deixará indiferente a quen se achegue aos directos que acollerán o MARCO e a Sala Radar.
Bandas e solistas
O ciclo pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. Con esta intención, e da man do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (sede habitual do evento) e da Sala Radar, Sinsal Primavera agroma cada ano coma unha rara avis no panorama galego, á fin de sorprender ás adeptas e aos adeptos a descubrir novos proxectos creativos.

Joseph Keckler
Así, o responsable de inaugurar o ciclo de concertos o martes 15 de abril será o estadounidense Joseph Keckler, quen chegará directamente a Vigo logo de actuar nun dos festivais máis especiais de Europa: o Tremor (Azores, Portugal). Sinalado polo diario The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, Keckler sorprenderá ao público coa súa presenza magnética e o seu espírito provocativo que desafían calquera forma de expresión.
Chemtrails
A seguinte cita será o mércores 30 de abril. Melodías pegadizas sinistras, guitarras distorsionadas, sintetizadores primitivos, pop policromático e letras irónicas son a carta de presentación de Chemtrails. Desde Manchester e con tres discos ás costas, a potente banda liderada por Mia Lust chega ao Sinsal para remexer os corpos do público na Sala Radar co seu post-garage-punk e power pop psicodélico.

Bombataz
Finalmente, os belgas Bombataz porán o ramo a esta edición do Sinsal Primavera para presentar o seu último traballo discográfico, Baby Dry My Tears, un disco inconformista que bebe do espírito de Animal Collective ou MGMT para crear pezas cativadoras que se afastan de calquera estrutura estereotipada. Porque se pode ser diferente, Bombataz farao de forma diferente; mais non para ser intencionadamente difíciles ou por ser pretenciosos, senón porque consideran que é o seu deber musical.
Tamén en vigoalminuto
- La ciudad registró una ocupación hotelera del 48% el mes pasado
- Pontón denuncia en Vigo o aumento do traspaso de fondos á sanidade privada por parte da Xunta
- Adeus a Sargadelos
- Caballero acusa a Rueda de beneficiar a Coruña y marginar a Vigo
- Reclaman la paralización “inmediata” de la torre de control remota del aeropuerto de Vigo
- Jason Deluro, el 8 de agosto en Castrelos
Entradas
As entradas para as tres citas do Sinsal Primavera están á venda desde as 12.00h deste martes, 1 de abril, na web de Sinsal a través da plataforma Enterticket, cun prezo especial para quen faga a compra anticipada; pois no despacho de billetes serán máis caras.
CONCERTOS SINSAL PRIMAVERA 2025
- 15.04.2025, 20.30h | MARCO. Salón de actos
JOSEPH KECKLER (Estados Unidos)
Entradas á venda en Enterticket (12€+gastos) - 30.04.2025, 21.30h | Sala Radar
CHEMTRAILS (Reino Unido)
Entradas á venda en Enterticket (10€+gastos)
03.05.2025, 21.30h | Sala Radar
BOMBATAZ (Bélxica)
Entradas á venda en Enterticket (10€+gastos)