Destacados Vigo al minuto

Piden que se remate coa situación de abandono do río Lagares

Hai treitos po paseo con risco de derrube en Sárdoma e Balaídos

Piden que se remate coa situación de abandono do río Lagares

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia o estado de abandono que sofre o río Lagares, especialmente no seu paseo, “pola falla de mantemento por parte do Goberno municipal”.

A proliferación descontrolada de maleza, a presenza de troncos de árbores tronzadas a xacer sobre o curso fluvial e os treitos do paseo con risco de derrube, como os observados en zonas como Sárdoma e Balaídos, evidencian unha “neglixencia intolerábel e un maltrato ambiental” que compromete tanto a seguridade da veciñanza que emprega o paseo como a conservación deste espazo natural chave para a cidade.

“O Goberno municipal ten o paseo do Lagares nun estado deplorábel”

Isto afirma o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, sinalando que as imaxes tomadas en diferentes puntos do río ilustran unha situación que “non se pode prolongar”. O BNG critica que a inacción do Concello non só degrada un entorno de alto valor ambiental e social, senón que pon en perigo ás persoas que frecuentan o paseo, un lugar habitual para o lecer e o deporte.

Igrexas demanda a posta en marcha inmediata dun plan de acción que garanta o mantemento integral do curso fluvial río Lagares, que inclúa a retirada de maleza e restos vexetais, a reparación dos tramos danados do paseo e un reforzo na vixilancia para evitar novos danos.

O portavoz municipal nacionalistsa instou ao Goberno local a “priorizar a recuperación deste espazo emblemático de enorme valor ambiental“, mediante cun calendario de actuacións que garanta resultados antes do verán. Ademais, a formación defende a necesidade de implicar á cidadanía e ás asociacións ecoloxistas na planificación destas medidas para asegurar unha xestión sustentábel e avanzar na naturalización do propio paseo.


Tamén en vigoalminuto


Máis protección

Desde o BNG insisten na súa proposta de declarar o río Lagares como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), desde o seu nacemento na lagoa Mol en Cabral, até a desembocadura en Samil, co obxectivo de alargar as súa protección ambiental. Demandan tamén que tanto Concello de Vigo como a Xunta de Galiza, no exercicio das súas competencias, dediquen máis recursos para a posta en valor do conxunto do curso fluvial.

Nese sentido, Igrexas lembra que hai contínuas verteduras de augas contaminadas e sen depurar no propio río e que, tal e como se recolle nun informe da organización The Ocean Cleanup, o Lagares é o río galego que máis plástico verte ao mar: 14 toneladas ao ano, o que supón máis do duplo dos vertidos con orixe no río Miño, a pesar de contar cun moito maior caudal.

“O río Lagares ten que deixar de utilizarse como un grande sumidoiro para se converter no verdadeiro pulmón azul e verde da nosa cidade”, remarca o portavoz municipal nacionalista.

Te podría interesar