Comarcas

Máis de 400.000€ para acabar a modernización da Praza de Abastos do Porriño

Preservando a esencia do edificio, obra do arquitecto vigués Bar Boo

Máis de 400.000€ para acabar a modernización da Praza de Abastos do Porriño

O Concello do Porriño seguirá avanzando na modernización e mellora do seu Mercado Municipal logo da concesión dunha subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Esta achega, enmarcada na creación dunha rede galega de mercados excelentes, permitirá acometer unha nova fase de intervencións cun investimento total que supera os 400.000€, dos cales máis de 320.000€ son unha achega da administración autonómica.

Este novo impulso enmárcase nun proxecto estratéxico posto en marcha polo Concello no ano 2023, cunha visión clara: transformar a praza de abastos nun espazo moderno, funcional e acolledor, que responda ás necesidades actuais tanto dos praceiros como da clientela. A actuación busca adaptar o mercado aos novos hábitos de consumo sen renunciar á súa identidade nin ao seu valor arquitectónico e histórico, preservando a esencia dun inmoble que forma parte do patrimonio e da memoria colectiva do Porriño. O edificio, obra do prestixioso arquitecto José Bar Boo, segue a ser un símbolo do centro urbano e comercial do Porriño, e a súa recuperación integral constitúe unha prioridade para o goberno local.

Así, este mesmo sábado, o alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Mercados, Antía Carrera, reuníronse co colectivo de praceiros e praceiras para explicarlles en detalle as actuacións previstas e trasladarlles de primeira man a confirmación da concesión desta nova subvención. Ambos trasladaron a súa intención de manter un diálogo constante co sector durante todo o proceso, co fin de que cada paso responda ás necesidades reais da veciñanza.

Espazo clave para a vida social

Durante a reunión, o alcalde sinalou que este novo investimento permitirá seguir avanzando na mellora dun espazo que é clave para a vida social e económica da vila. “Falamos dun mercado que forma parte da nosa identidade, tanto desde o punto de vista arquitectónico como comercial. A nosa responsabilidade é coidalo, actualizalo e poñelo ao día para que siga sendo útil, funcional e atractivo tanto para os praceiros como para os veciños e veciñas que cada día confían no comercio de proximidade”, afirmou Lorenzo.


Tamén en vigoalminuto


Así será a transformación

A nova fase incluirá a rehabilitación da cuberta e a restauración das fachadas, que permitirán mellorar a conservación e a imaxe exterior do edificio. No interior, reordenaranse os postos de venda, especialmente nas zonas de peixaría e froitería, que contarán cun novo deseño máis moderno, eficiente e adaptado ás súas necesidades específicas. Incorporaranse novos sistemas de iluminación, estruturas de protección solar e equipamentos comerciais de uso común como cámaras de frío, taquillas térmicas e espazos de almacenamento.

A intervención tamén contempla a recuperación dos locais actualmente baleiros para favorecer a súa ocupación por novos negocios, o acondicionamento da sala de estar, a renovación completa dos aseos da planta baixa e superior, e a mellora dos accesos, incluíndo a instalación de novas portas automáticas para a entrada de mercancías. “Todo isto realizarase co máximo respecto ao valor patrimonial do edificio e cun enfoque centrado na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a calidade dos servizos“.

Te podría interesar