Comarcas

O PP de Redondela disposto a aprobar os orzamentos, si dimite a alcaldesa e hai un novo pleno de investidura

Na actualidade o Grupo Popular conta con 10 concelleiros por 8 do Goberno Municipal

O PP de Redondela disposto a aprobar os orzamentos si dimite a alcaldesa e hai un novo pleno de investidura

O grupo municipal do PP de Redondela vén de ofrecer o seu voto favorable aos Orzamentos Municipais 2025, que se debaterán e votarán no pleno deste xoves, se a alcaldesa Digna Rivas presenta a súa dimisión antes da sesión da corporación e posteriormente se produce a renuncia de todo o Goberno local para a celebración dun posterior pleno de investidura.

“A alcaldesa chamou á responsabilidade para aprobar as contas e nós collemos o testemuño aínda que ese proxecto económico é moi diferente ao que faríamos nós, xa que cremos que Redondela precisa doutros orzamentos. Pero estamos dispostos a facer ese esforzo, pero a cambio tamén apelamos á responsabilidade dun executivo municipal que non funciona para que a corporación teña a oportunidade de elixir a un goberno máis forte e menos errático para rematar os dous anos de mandato”, ofertou o voceiro municipal, Javier Bas.

Sen o apoio do BNG

Cremos que os orzamentos presentados son malos é que só serven para actualizar as cifras, pero tamén cremos que o bipartito é malo. Entón, estamos dispostos a aceptar esas contas se, a cambio, o pleno ten a oportunidade de cambiar a un goberno malo”, engadiu o concelleiro popular.

No mesmo sentido, o martes o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González, adiantou que os concelleiros e concelleira nacionalista non respaldarían as contas para o ano 2025 presentadas polo goberno do PSOE e de AER. “Trátase dunha proposta enganosa que non atende ás necesidades e demandas reais da veciñanza redondelá”, subliñaba González.

Así mesmo, “na pormenorizada análise” que realizou a organización nacionalista do documento constataron que “se trata duns orzamentos moi distantes da realidade na que viven os veciños e veciñas de Redondela”. Dende o Bloque entenden que estes orzamentos consolidan o interese “privatizador” do bipartito PSOE e AER. Ademáis de aboar a concesionarias como piscinas, recollida do lixo, auga e saneamento, ou Servizo de Axuda no Fogar “páganse ata 800.000€ en novas privatizacións a empresas  de limpeza de camiños e praias e vixianza dos areais do concello”.

“Moi útil”

Nesta liña, Javier Bas considera que celebrar un novo pleno de investidura sería “moi útil”, posto que serviría para saber cal é a posición do BNG, “xa que quere semellar que fai de oposición con fortes críticas ao goberno municipal, pero na realidade, mentres non se demostre o contrario, sempre o acaba apoiando, polo que, un novo pleno de investidura fixaría a súa postura real e os veciños deixarían de sufrir a súa incertidume e os seus xogos de trileiros”.


Outras novas


Unión das forzas de esquerda

Ademais, para o PP redondelán a dimisión da alcaldesa e do Goberno local “non tería porque poñer en perigo un goberno das forzas de esquerdas se realmente están unidos e o Bloque volve darlles o seu voto, co cal se acabarían todas estas leas e poderían centrarse nos veciños”.

En caso contrario, engade o voceiro popular, “se non hai acordo entre eles, habería un goberno do PP moito máis forte que o actual, xa que tería dez votos fronte aos oito do actual bipartito”, apostillou o voceiro popular, que cre que a Digna Rivas e ao PSOE “convenlles esta oferta, posto que aprobarían os orzamentos e deixarían de sufrir as ameazas e chantaxes do BNG”.

Que Digna Rivas deixe a Alcaldía

Finalmente, o ex alcalde -gañador das últimas catro Eleccións Municipais en Redondela -deixou claro que o obxectivo último e irrenunciable do PP é que Digna Rivas deixe de ser alcaldesa, “xa que é a única responsable da pésima xestión económica, da nula atención veciñal e da falta de proxectos, investimentos e equipamentos” para o cuarto concello da provincia.

Por iso, os populares non aceptarán, “en ningún caso”, a proposta dunha cuestión de confianza, “xa que é unha ferramenta que empregan os matrimonios mal avenidos de PSOE e BNG para aprobar uns orzamentos e seguir aumentando a desconfianza entre eles”.

Te podría interesar