Trátase de 35 vivendas que forman parte das 384 Vivendas de Promoción Pública que a Xunta construíu en San Paio de Navia. Delas, hai que lembrar que 343 xa foron entregadas aos seus adxudicatarios. Así, as vivendas cedidas ao Concello de Vigo teñen todas 3 dormitorios e unhas superficies que van dende os 80 aos 87,6 metros cadrados, contan con rocho e garaxe. 6 delas destínanse a persoas con mobilidade reducida, estando adaptadas para persoas que teñen necesidade de utilizar cadeira de rodas, mentres que as 29 restantes contan cunha superficie útil de entre 80 e 82 m2.
As mesmas se adxudicarán polo Concello en réxime de aluguer, logo da entrega de 343 vivendas por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), das que 178 foron en aluguer e 165 en réxime de compravenda cuns prezos de venda que oscilaron entre os 41.539 e 68.220 €, dependendo da superficie de vivenda e das condicións económicas dos adxudicatarios, mentres que no que respecta ás vivendas en alugueiro, o custe mensual oscila entre 89 e 170 €.
O Goberno galego leva investidos máis de 90 millóns de euros en San Paio de Navia, dos que 50 corresponden ás 384 vivendas de promoción pública, 8 millóns á zona verde e 34 millóns ao plan de actuación urbanística (PAU).
En maio de 2005 contratase a redacción do proxecto básico aos arquitectos Fraga, Quijada, Portolés y Asociados, e presentase en Vigo o deseño previo das vivendas. Tamén se inician en 2005 os trámites para a licitación da redacción do proxecto de execución e a obra de construción, trámites que foron anulados polo goberno bipartito, que procedeu a licitar por separado a redacción do proxecto e a construción das vivendas, causando un retraso de arredor de un ano no inicio da construción das vivendas.
As obras de construción das vivendas foron adxudicadas por un importe de 35.082.000 €, pero o custe real das mesmas veríase incrementado en dúas ocasións ata chegar aos 41.900.025 €. En decembro de 2008 a antiga Consellería de Vivenda e Solo autorizou a redacción dun modificado que finalmente supuxo un incremento de 5.766.013 €, o que supón o 16,4 % do importe de adxudicación inicial da obra.
Posteriormente, foi preciso aprobar en decembro de 2009 un complementario para a execución de obras de urbanización na parcela en que se atopan emprazadas as vivendas, obras que non estaban previstas polo goberno anterior, que acadou un importe de 1.052.012 €, polo que o importe total da obra ascendeu ao total de 41.900.025 €. A esta cifra á que hai que sumar os honorarios de redacción dos proxectos básico e de execución, redacción do modificado e complementario, certificación final de obra, custe de licenza municipal e as obras de arranxo do vial fronte ás vivendas para acadar un investimento total de 50.321.625,75 €.