Iso asegura o Colexio de Avogados de Santiago que, nunha nota enviada aos medios de comunicación alerta de que a decisión do ministro de Xustiza de revisar á alza e impoñer taxas xudiciais para sufragar os gastos da xustiza gratuíta “limita os dereitos dos cidadáns e pon en risco a tutela xudicial efectiva provocando unha Xustiza para ricos e outra para pobres”.
Os letrados composteláns creen que non é admisible incorporar no noso Estado de Dereito unha balanza na que se coloque por un lado o dereito fundamental á Defensa e polo outro o pagamento dunha taxa, ao tempo que subliñan que “o dereito á defensa é fundamental e constitucional”. Por iso, aseguran que as taxas non poden presentarse como un recurso necesario para pagar os avogados que prestan o servizo da quenda de oficio.
Os avogados critican ademais que Ruiz-Gallardón non tivese en conta a opinión do sector antes de calquera reforma, tal e como lles prometera nunha reunión a todos os decanos de España, ao tempo que alertan de que introdúcese un criterio perigoso sobre o custo social da xustiza gratuíta, o “último recurso para facer valer os dereitos fundamentais dos que non teñen, en moitos casos, nin traballo, nin medios económicos, nin esperanza“.
Para o Colexio de Avogados compostelán, o gasto en xustiza gratuíta é unha inversión en paz social e a súa regulación pode ser mellorada, ofrecémonos ao diálogo reiteradamente, pero non debería ser presentado como excesivo. Apenas representa un 6,5% do gasto en Xustiza e “debería ser financiado dende os Presupostos, como está legalmente establecido, e non dende taxas especiais”.
Os letrados engaden que un 30% das sentenzas de primeira instancia son revogadas en apelación e, por iso, queren deixar craro que os cidadáns teñen dereito a acudir aos Tribunais en defensa dos seus lexítimos dereitos, tal e como recoñece a Constitución.