Galicia

A folla de eucalipto pon en perigo os ecosistemas dos regatos galegos

Duvi/ A introdución de especies alóctonas pode pór en perigo todo un ecosistema alterando o seu equilibrio natural. O eucalipto, que domina boa parte do monte galego, é unha desas especies que provoca, entre outras consecuencias nos ecosistemas terrestres, alteracións nos ríos e regatos. Neste impacto centrou a súa tese de doutoramento Liliana García Lago, que determinou que as follas destas árbores que acaban no leito dos ríos non son, precisamente, as preferidas dos organismos responsables de converter estes residuos vexetais en nutrientes, xa que estes esmiuzadores optan polas follas autóctonas.

Da árbore ao río

A vía detritívora é o fluxo de materia orgánica e enerxía a través da cal os organismos detritívoros, é dicir, descompoñedores e esmiuzadores, utilizan restos de orixe vexetal ou animal como nutrientes, que normalmente se denominan detritos. Esta materia orgánica está formada por restos de follas e talos, así como por excrementos e cadáveres de organismos vivos. A alteración desa vía detritívora pode modificar á súa vez a vida de todo o ecosistema nos ríos forestados, sendo este o caso do eucalipto. A introdución desta especie arbórea alóctona en Galicia provocou, entre outras consecuencias, que “o tempo de caída e a calidade da materia orgánica que chega aos regatos dende a ribeira se alterase, cando se comparan coas árbores de folla caduca habituais nesta área coma son o ameneiro ou o bidueiro“, apunta a investigadora.

A tese de doutoramento de Liliana García céntrase no estudo da cadea alimentaria dos pequenos ríos de Galicia, que posúen unha elevada cantidade de árbores na ribeira característicos dos climas temperados, e nos invertebrados que habitan e se alimentan da materia orgánica dominante nos mesmos, os esmiuzadores. Este traballo abrangue diferentes estudos de campo e de laboratorio levados a cabo para comprobar a importancia desta especie dominante na vía detritívora e analizar a influencia da temperatura e a calidade do alimento como factores que controlan o seu ciclo de vida e atributos ecolóxicos.

Segundo esta tese, “a temperatura é o factor fundamental que afecta directamente ao crecemento e desenvolvemento dos organismos que habitan estes ecosistemas, pero a calidade dos alimentos consumidos tamén ten un papel importante“. En especial sofren este impacto os invertebrados esmiuzadores, é dicir aqueles que se alimentan das follas que caen nos regatos, e que semellan, segundo a investigación de Liliana García, preferir alimentarse das follas de árbores nativos.

Para o estudo realizáronse diversos análises tanto no campo coma no laboratorio en dúas rexións xeográficas comprendidas dentro do clima temperado coma son Galicia e Vancouver (Canadá). Estes análises permitiron estimar os niveles de produción secundaria (é dicir, formación de nova biomasa no ecosistema), avaliar o ciclo de vida desta especie, o seu crecemento e desenvolvemento fronte ás entradas de follas de diferentes especies de árbores e temperaturas, e por último avaliar a súa influenza nos procesos de colonización e deriva.

Mellor, amieiro ou bidueiro

Un dos resultados do traballo de Liliana García amosa que a substitución de árbores, como o ameneiro e o bidueiro, por monocultivos de eucalipto reduce drasticamente a produción do invertebrado esmiuzador dominante nestes regatos coa potencial influencia sobre outros organismos de niveis tróficos superiores. Explica a investigadora que “a pesar da enorme cantidade de estudos realizados en pequenos ríos forestados de clima temperado, existen moi poucos estudos comparativos entre ríos con características análogas en diferentes continentes, e ademais que se enfoquen no seu principal recurso alimenticio, as follas”.

En xeral, os invertebrados prefiren as follas de ameneiro en ambos lugares e entre outros factores como a temperatura, o tipo de alimento inflúe no seu tamaño e na taxa de crecemento. Por outra banda, cando estes organismos consumen follas de eucalipto obsérvase que tanto a cantidade como a calidade dos materiais producidos é menor, polo que a transformación de nutrientes mediada por estes detritívoros altérase e pode variar o funcionamento do ecosistema. Por este motivo, Liliana García, salienta que “é importante promover unhas políticas de xestión que permitan manter a estrutura e funcionamento destes ecosistemas nunhas condicións o máis naturais posibles”.

También te puede interesar