Cultura Galicia

O Ministerio de Educación premia a 3 centros galegos polas súas actividades para favorecer a lectura

Ler non ten que ser unha actividade solitaria
Ler non ten que ser unha actividade solitaria

Tres centros escolares galegos veñen de ver recoñecido o seu labor de fomento da lectura cos Premios do ‘Concurso Nacional de buenas prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas escolares’, correspondentes ao ano 2008, que concede o Ministerio de Educación.

Un destes centros, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo (Ourense), logrou o segundo premio, dotado con 9.000 euros, na categoría de Educación Secundaria. Nese mesmo nivel  educativo o IES Alfonso X O Sabio, de Cambre, (A Coruña), recibiu os 6.000 euros do terceiro premio. Na modalidade de centros concertados, foi o Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, o que acadou un terceiro premio.

Estratexia en prol da lectura

Para acadar óptimas competencias lectoras en todos os escolares, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo unha estratexia despregada a través de varios programas. Este curso, a administración educativa galega destinou máis de 1 millón de euros na mellora ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, grazas ao que 299 centros públicos poderán gozar de fondos renovados, tanto en formato papel como electrónico ou audiovisual. Estas axudas servirán tamén para adquirir mobiliario específico, mellorar o equipamento audiovisual e informático da biblioteca, e para gastos de funcionamento

Ademais, nos vindeiros días os centros públicos de educación secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial, van recibir 130.000 euros en axudas para o funcionamento de Clubs de Lectura, elemento de probado éxito no fomento deste hábito entre os escolares.

A hora de ler

‘Hora de ler’ é o nome que recibe ese tempo diario no que cada neno e nena, con libros propios ou emprestados pola biblioteca, se mergulla no mundo da literatura escollida por cada un deles.

Tal e como explica o blogue desta iniciativa, en palabras do poeta mexicano Gabriel Zaid, “Quizá la medida de la lectura no debe ser el número de libros leídos, sino el estado en que nos dejan. ¿Qué demonios importa si uno es culto, está al día o ha leído todos los libros? Lo que importa es cómo se anda, cómo se ve, cómo se actúa, después de leer”. Deste xeito, poténciase tamén a capacidade de atención e reflexión dos rapaces e rapazas arredor dos temas lidos e dos tratados na aula.

Experiencias compartidas

Ao pór en marcha a estratexia de fomento da lectura entre os máis novos, a Consellería de Educación quixo desmontar a falsa crenza de que ler é un acto solitario. Por iso impulsa con subvencións de ata 130.000 euros a formación de clubs de lectura nos centros escolares, centrándose de forma especial nos adolescentes estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.

Nestes clubs, os rapaces e rapazas teñen a posibilidade de compartir gustos, inquedanzas, significados, emocións e opinións sobre as súas lecturas cos seus iguais. Trátase dunha práctica de socialización e creación de comunidades de intereses, ao redor dos libros, que conta en moitos centros coa participación de pais,nais e membros da comunidade escolar.

Neste ambiente, os grupos de adolescentes participan activamente para compartir as súas experiencias lectoras, coa mediación dun adulto que conduce todo o proceso. As sesións adoitan realizarse nas bibliotecas dos respectivos centros, aínda que pouco a pouco se van trasladando en boa parte ás aulas de informática. Nacen así blogues como ‘Ler en mancomún’, espazo habilitado para a converxencia das distintas bitácoras dos Clubs de Lectura creados nos centros de ensino de Galicia, no que intercambian recomendacións de libros e informacións sobre as súas actividades. Así mesmo, xurdiu ‘Libros a eito’, un espazo web para o intercambio de lotes de libros entre clubs de lectura dos distintos centros e proxectos implicados.

Lectura en rede

A comunicación entre colexios e institutos de toda a comunidade autónoma é outro dos eixos fundamentais do ‘Plan Lector de centros’, nome co que recibe a estratexia en prol da lectura desenvolvida pola Consellería.

Deste xeito, Educación habilitou unha páxina web para a Asesoría de Bibliotecas Escolares, onde docentes, estudantes e responsables destes recintos poden atopar recursos, guías de lectura, etc; referidos a todas as materias que se estudan no sistema educativo galego. Isto responde á consciencia de que estes plans resultan máis eficaces se son sistematizados e integrados no tratamento de todas e cada unha das áreas do currículo.

Ademais, o blogue ‘Rede de Lectura’ funciona como medio de interacción entre alumnado, bibliotecarios e profesores, no que comparten propostas temáticas e títulos suxeridos.

As mochilas viaxan polos fogares galegos

‘Mochilas Viaxeiras’ é unha iniciativa pensada para que, desde a biblioteca escolar, se poida organizar unha actividade que implique ás familias, e proporcionar un motivo de encontro entre os membros desta, utilizando a lectura como medio.

Os rapaces e rapazas levan ás súas casas, en préstamo temporal e de forma rotatoria, un pequeno lote de libros e outros soportes, adaptados ao seu nivel de idade e aos intereses do alumno e das súas familias. A carteira pode conter materiais diversos, pensando nos distintos membros da familia: contos, cómics, libros de receitas, de xardinería, de saúde ou educación, ou revistas sobre deportes. Ademais,inclúen unha película ou un documental divulgativo, un CD de música, ou un xogo de ordenador de carácter didáctico.


También te puede interesar