É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másCada día 250 persoas piden axudas ao Inega
Un total de 9.826 solicitudes de axudas son as que se levan rexistradas no Instituto Enerxético de Galicia (Inega) a falla de case unha semana de rematar o prazo, que finaliza o próximo día 11 de decembro, tras a recente ampliación temporal acordada como consecuencia do alto número de solicitudes rexistradas. Esta cifra supón un incremento considerable, o 264%, con respecto á convocatoria anterior na que houbo un total de 2.696 peticións.
Concretamente o organismo que dirixe Eliseo Diéguez, adscrito á Consellería de Economía e Industria recibiu ata o momento 5.212 solicitudes para subvencións de aforro e eficiencia enerxética e 4.614 peticións de axudas para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables, fronte ás 1.069 e 1.627 do ano 2008.
Para o director do Instituto Enerxético de Galicia, “trátase dun cómputo altamente positivo, posto que a elevada demanda de solicitudes, 250 por día, que nos levou recentemente a ampliar o prazo, confirma o interese que está a espertar o programa de axudas do Inega que, cun orzamento de preto de 16 millóns de euros, vai xerar un investimento asociado de case 62 millóns de euros, posibilitando á redución na emisión á atmosfera de 60.500 toneladas de CO2 anuais”.
“No proceso de presentación deste alto número de solicitudes, que abranguen todos os sectores económicos galegos, está a ter incidencia a presentación vía telemática das axudas, unha das novidades da actual convocatoria e, que sen dúbida, axuda á simplificación dos trámites”, explica. “Tamén inflúe nesta ampla difusión do noso programa de axudas a alta participación alcanzada nas dúas xornadas informativas que realizamos para dar a coñecer as subvencións, mediante as que logramos reunir máis de 500 asistentes de distintos ámbitos económicos”, subliña.
Axilizar a tramitación
“Desde o Inega estamos centrando esforzos en axilizar a tramitación das axudas para dar cumprimento ao noso compromiso de reducir nun terzo os tempos, de xeito que tardemos 4 meses como máximo en procesalas e 6 ao sumo en resolvelas”, precisou Diéguez. “Proba disto é o bo ritmo ao que imos, xa que a día de hoxe están aceptadas e tramitadas 2.227 axudas”, precisa.
Axudas por tipoloxías
No que se refire ás axudas de aforro e eficiencia enerxética as liñas de axuda máis demandadas están a ser ás destinadas á mellora da eficiencia enerxética de instalacións térmicas existentes, á renovación de instalacións de iluminación pública exterior (onde o Inega aumentou este ano a contía subvencionable do 40 ata o 70% para axudar aos concellos nesta conxuntura económica adversa) e á realización de auditorías no sector industrial.
Os proxectos de instalación de caldeiras de biomasa e de solar térmica copan en boa parte o número de solicitudes no que respecta ás axudas para o desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables.