O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reforzou os lazos de cooperación entre Galicia e Buenos Aires, a través da sinatura dun convenio de colaboración entre o Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires e o Goberno galego que favorecerá o intercambio económico e estreitará os lazos culturais entre ambas as dúas zonas.
“Iniciamos unha senda que queda plasmada neste convenio que abre as portas a unha das principais capitais do mundo e a Galicia como un dos lugares de referencia da colectividade española, da colectividade galega; abrimos as portas dos nosos Gobernos para unha colaboración mutua, abrimos as portas das nosas administracións para un intercambio e tamén as portas das nosas empresas para un contacto e, se é posible, para xerar negocio”, explicou o mandatario autonómico tras o encontro con Mauricio Macri, xefe do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires, con quen asinou o acordo de colaboración.
Xestión sanitaria, contactos empresariais e Xacobeo 2010
Na xuntanza que o titular do Goberno galego mantivo co xefe do Goberno da Cidade Autónoma de Buenos Aires abordaron “os grandes temas económicos e empresariais” co fin de “explorar zonas da economía que compartir”.
Así, un dos primeiros asuntos tratados entre ambos mandatarios foi a posibilidade de “compartir xestión sanitaria” xa que, segundo argumento Feijóo, “a Cidade de Buenos Aires ten 33 hospitais e Galicia tamén rolda a trintena”. Polo tanto, sinalou, “imos establecer un intercambio para a profesionalización da xestión sanitaria, para a xestión por procesos nos hospitais arxentinos, para a contabilidade analítica, para incrementar a produtividade dos hospitais arxentinos; e podemos brindar un apoio sobre ese asunto”, asegurou.
Do mesmo xeito, segundo confirmou Núñez Feijóo, tamén se abordou a posibilidade de buscar “fórmulas de encontro no que se refire ao sector téxtil, aproveitando as grandes marcas galegas de moda, de deseño e de confección”. O presidente galego insistiu no interese de iniciar, polo menos, “contactos” para ver logo “a posibilidade de intercambio e investimentos, se é posible, de empresarios galegos en Buenos Aires”.
“Falamos, por suposto, de servizos públicos, da xestión dos servizos públicos de todas as áreas, infraestruturas, infraestruturas hidráulicas, saneamento, limpeza, etc.”, engadiu o titular da Xunta remarcando que tamén se falou da “ocasión histórica de celebrar o mesmo ano o Xacobeo 2010 e o Bicentenario da Cidade de Buenos Aires. Uns acontecementos que, en palabras de Feijóo, van “posibilitar pontes de contacto e de intercambio cultural co obxecto de incrementar turistas españois e galegos e turistas arxentinos ao feito do Xacobeo 2010”. “Neste asunto ten habido unha reflexión a través do seu ministro de Cultura e de Turismo que imos desenvolver nos próximos meses”, aseverou.