Galicia

Gardacostas incautan 316 aparellos de pesca e740 quilos de especies nunha operación contra os furtivos

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia incautáronse de 316 aparellos de pesca, e comisaron máis de 740 quilos de diversas especies en distintos operativos realizados polo litoral galego nos últimos dez días.

Na Ría de Arousa, os gardacostas desenvolveron varios operativos que se saldaron coa incautación de 257 artes e máis de 216 quilos de peixe e marisco, nun dos operativos colaborou a Unidade Adscrita ao Corpo Nacional de Policía (UPA). A actuación máis importante foi a que tivo lugar na zona do Bao, onde os axentes requisaron 257 butróns sen identificar e comisaron 46 quilos de alevíns de peixe variado, 33 quilos de choco e 4 de nécora.

A Ría de Vigo tamén foi escenario doutros operativos de gardacostas. Neles requisáronse 4 pezas de trasmallos sen identificar, 3 de choco e 13 quilos de marisco, na súa maioría ameixa xapónica. Noutra inspección realizada na Ría de Pontevedra os inspectores incautáronse de 2 viveiros e de 4 quilos de marisco.

Os axentes do servizo dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar tamén realizaron varias actuacións na Ría da Coruña, que  tiveron como resultado o comiso de 5 quilos de ameixa e máis dun quilo de centola ovada e a incautación de 4 artes de pesca.

Na Ría de Ares Betanzos os inspectores desenvolveron varias actuacións nas que se aprehenderon de máis de 21 quilos de ameixa babosa e dun palangrillo con 100 anzois, ao estar sen identificar. En Muros e Noia tamén se realizaron accións contra a extracción ilegal que tiveron como resultado a incautación de 48 nasas de polbo e unha embarcación e co comiso de 380 quilos de mexilla e 10 de polbo.

 

También te puede interesar