O movemento asociativo da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade acordou por unanimidade non dar “nin un paso atrás!”, frase en homenaxe ao fundador e Ex-Presidente de COGAMI, Domingos Dosil, con respecto aos dereitos que tantos anos lles custou alcanzar ao colectivo das persoas con discapacidade.
Este sábado, durante a XXII Asemblea Xeral Ordinaria celebrada no Palacio de Congresos de Santiago, os representantes das 53 entidades que conforman a Confederación aseguraron que non están dispostos a que a “crise económica invalide os dereitos logrados nestes últimos anos”.
“Os recortes anunciados pola Administración prexudican directamente un dos piares básicos que ten COGAMI”, entre eles o colectivo sinalou o servizo de intermediación laboral (Sil), que “se sentirá drasticamente recortado tanto nos orientadores e intermediadores laborais que traballan nel, como nos axentes de emprego”, e nos cursos de formación AFD para desempregados que imparte anualmente e que, a “estas alturas do ano, aínda non iniciaron estas formacións”.
Dende COGAMI apuntouse que “se sempre fomos ós últimos cando había bonanza económica, agora tamén queremos ser os últimos nos recortes”. Tamén se apuntou que cada vez que se recorta nuns servizos básicos a calidade de vida do colectivo reséntese directamente, “como agora acaba de suceder no recorte do servizo de transporte hospitalario, onde entidades como a de Alcer de loita contra as enfermidades do ril están gravemente prexudicadas porque o seu colectivo ten que recibir ata tres veces na semana diálise nos hospitais”.
A pesar de que “durante estes últimos anos COGAMI veu reducidos os seus recursos económicos”, a entidade, subliñou, estivo ofrecendo igualmente toda a carteira de servizos que ten, incluso incrementou o número de persoas usuarias. Por todo isto, dende COGAMI e o seu movemento asociativo aprobaron estar en contacto directo coas distintas administracións públicas para “loitar a favor duns dereitos que deben manterse”.