Os nenos de Redondela poderán falar con Papá Noel a través de videoconferencia dende o telecentro de comunicación do concello. O Centro Multimedia de Galicia aproveita estas datas para brindar aos nenos da localidade a oportunidade de manter unha videoconferencia con Papá Noel na que poderán pedirlle os seus regalos. A cita será o próximo venres ás 11.30 horas.
Dende Laponia e en tempo real, Papá Noel atenderá en directo as preguntas e demandas de todos os nenos que se acheguen para falar con el ao telecentro de comunicación do concello. Trátase dunha iniciativa máis da campaña Comunícate coa que o Centro Multimedia de Galicia pretende dar a coñecer todas as posibilidades que ofrecen os telecentros de comunicación.
A través desta campaña preténdese converter os telecentros de comunicación (TC) en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego.
O TC de Redondela é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Medios en colaboración co concello. A Secretaría Xeral de Medios colabora coa dotación e instalación de equipos audiovisuais e multimedia, así como co seu mantemento tecnolóxico.
Asociacións e colectivos de todo tipo poden utilizar este telecentro de comunicación para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, etc…