Destacados

Agora a Xunta reclama que o servizo telefónico de información esté tamén en galego

telefonos-movilesA Xunta de Galicia demándalle ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio que garanta as conexións de banda larga cunha velocidade mínima de 1 megabit dentro do Servizo Universal de Telecomunicacións e que o servizo telefónico de información estea dispoñible nas linguas cooficiais do Estado, polo tanto, tamén en lingua galega. O Goberno autonómico resposta así á consulta pública feita polo Ministerio sobre o alcance do Servizo Universal de Telecomunicacións na que solicitaba o posicionamento nesta materia de todos os sectores implicados.

Ademais de incluír a conexión de banda larga de 1 Mbit, a Xunta tamén solicita establecer unhas prestacións mínimas garantidas de, polo menos, o 50% de velocidade, e impedir que se fale de velocidades irreais que non se lle garantan aos usuarios.

Neste sentido, o Goberno galego advirte que non aceptará períodos transitorios na calidade dos servizos mínimos que supoñan a discriminación dos usuarios en zonas rurais, e pide a instalación inmediata de novas prestacións para os usuarios que o soliciten e a actualización dos servizos de xeito gradual para aqueles cidadáns que non fagan esa demanda inmediata.

A Xunta quere que este servizo estea ademais garantido para calquera vivenda ou edificación na que se realice actividade económica xa que, actualmente, o servizo universal non está garantido fóra das zonas urbanas, agás no caso das vivendas habituais. Trátase de evitar, deste xeito, que parte das empresas, explotacións gandeiras, obradoiros ou outras edificacións espalladas pola xeografía galega queden fóra da prestación deste servizo.

Ademais a Xunta (coincidindo cunha demanda presentada xa por Telefónica) exixélle ao Ministerio de Industria que se pronuncie sobre as solicitudes de servizo universal consideradas como “razoables” ou “non razoables” e tamén que se realice un control efectivo por parte das administracións sobre as solicitudes que se consideran xustificadas.

De igual xeito, o Goberno galego quere que as administracións públicas sexan coñecedoras das coordenadas xeográficas dos edificios nos que non se pode ofrecer o servizo por cable e nos que sexa preciso empregar servizos radioeléctricos para poder controlar e planificar as melloras no servizo sen depender exclusivamente da empresa de telefonía que o presta.

Identificar o número de menor custo e servizo de información en galego

En canto aos servizos de telefonía propiamente ditos, a Xunta solicita que haxa información fiable nas guías telefónicas e que se identifique o número de menor custo para as consultas telefónicas de información, o 11818, xa que coa información actual a penas se diferencia doutros servizos con custos moito máis elevados. Outra das demandas que o Goberno autonómico lle fai ao Ministerio de Industria é permitir que outras compañías telefónicas, distintas da que ten a obriga de servizo universal, poidan tamén atender a persoas con discapacidade ou necesidades sociais e que esta prestación sexa financiada con cargo aos fondos económicos que garanten o servizo universal.

Por último, o Executivo autonómico exixe que se garanta que o servizo de información telefónico sexa prestado en lingua galega e nas demais linguas cooficiais de España. Inexplicablemente, na definición actual deste servizo público esta obriga non está recollida.

Medidas adicionais e complementarias do Executivo autonómico

Como medidas adicionais e complementarias a todas estas reclamacións, a Xunta de Galicia está  a deseñar o Plan de extensión da banda larga. O obxectivo é superar un plantexamento de mínimos e achegar un servizo de banda larga de calidade a todas aquelas zonas que actualmente non dispoñen del, especialmente zonas rurais e illadas. O plan establecerá, deste xeito, liñas de actuación que complementen ou melloren as propias derivadas do servizo de banda larga universal, co obxectivo de xuntar esforzos e avanzar nunha mesma dirección co obxectivo de garantirlle aos cidadáns un servizo de calidade.

Consulta pública do Ministerio

Desde o pasado 28 de setembro e ata o 26 de outubro, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, co fin de mellorar a calidade dos servizos de telecomunicacións e de poñer uns prezos máis accesibles para todo o mundo, estableceu un proceso de consulta pública solicitando o posicionamento de todos os interesados ante o alcance do Servizo Universal que abrangue: conexión á rede telefónica pública, con acceso funcional a internet e prestación do servizo telefónico desde unha ubicación fixa; servizo telefónico de uso público; guías telefónicas de abonados; servizo de consulta telefónica sobre números de abonado (11818); e medidas adicionais para facilitar o acceso ao servizo telefónico por persoas con discapacidade ou con necesidades sociais especiais.

O día 2 de decembro, o Ministerio fixo públicos os datos obtidos nesta consulta, un total de 104 respostas, entre as que figuran institucións públicas, privadas e particulares. No caso concreto das administracións autonómicas, só participaron nesta consulta a Generalitat de Cataluña e a Xunta de Galicia.

Ante os resultados acadados na mesma, o Ministerio de Industria xa anunciou que incorporará a banda larga ao servizo universal cunha velocidade mínima de baixada de 1 Mbit e que nos vindeiros meses procederá a realizar as modificacións pertinentes no marco regulador do servizo universal, así como á convocatoria dos correspondentes concursos de designación do operador encargado da súa prestación a partir do 1 de xaneiro de 2011.

También te puede interesar