Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, en colaboración coa Garda Civil de Oleiros, requisaron 60 quilos de percebe e 28 aparellos de pesca nun labor de inspección desenvolvido nos últimos días nas zonas de Mera e Breixo, no concello coruñés de Oleiros.
Na actuación os axentes, ademais de requisar o marisco, fixéronse con 11 rapas de percebe, 10 sacos de rede, 3 chaquetas de neopreno, 2 capachos e 2 traxes de neopreno. No operativo os Gardacostas identificaron a 9 persoas que estaban exercendo a actividade furtiva.
A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, pide ao consumidor que non compre produto fóra dos cauces legais de comercialización.