O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, e a concelleira nacionalista Iolanda Veloso, anunciaron hoxe que no vindeiro pleno presentarán unha moción na que esixe ao Goberno de Abel Caballero a apertura “no prazo máis breve posible” do Centro Galego de Fotografía. Para o BNG vigués o que acontece con estas instalacións culturais demostra a “paralización cultural” do Executivo da cidade no eido cultural, así como a súa incapacidade negociadora con outras administracións.
“Que o goberno local diga que non hai cartos para dotar ao Centro Galego de Fotografía amosa a total falta de planificación do goberno”, sinalou Domínguez, quen lembrou que xa se aprobaron os orzamentos municipais coa partida para dita infraestructura. “Levamos un ano reclamando o impulso deste centro e o goberno se entera agora de que non teñen recursos. Isto demostra a súa falta de interese”, destacou.
A moción do BNG instará ao goberno local a realizar as xestións oportunas co Ministerio de Cultura, a Xunta de Galiza e Deputación Provincial de Pontevedra para conseguir os recursos necesarios para o seu equipamento. Tamén pedirá ao Goberno local que presente antes de final de ano unha modificación orzamentaria para dotar ao Centro Galego de Fotografía, reducindo outras partidas como protocolo, publicidade e programas de alcaldía.
Domínguez fixo fincapé no traballo feito polo BNG -durante o bipartito co o PSOE do mandato anterior- para axilizar a posta en marcha desta nova dotación. “Deixámoslle todo feito, o edificio, o proxecto e as ideas para que o Centro Galego de Fotografía se poidera autofinanciar, algo que estamos plenamente convencidos de que é posible”, subliñou.
O proxecto xa elaborado contemplaba que este centro albergara os diferentes arquivos fotográficos, -como Pachego, Ksado e Llanos-, e a celebración de exposicións temporais, así como a posibilidade de realizar un máster fotográfico en colaboración coa Universidade de Vigo e de que os usuarios e usuarias poideran mercar láminas directamente. Incluía asemade unha sala de restauración e outra de obradoiros.