O Congreso do Deputados aprobou por unanimidade unha iniciativa na que se lle esixe ao Goberno Central que garanta que o Posto de Inspección Fronteiriza de Vigo (PIF) “teña un servizo eficiente, eficaz e satisfactorio para os operadores”. A iniciativa partiu de Olaia Fernández, deputada do BNG.
En concreto, a iniciativa, consensuada co Grupo Socialista e co Grupo Popular, e aprobada esta tarde na Comisión de Sanidade do Congreso dos Deputados insta ao Goberno Central a que “garanta a aplicación efectiva do paquete de medidas adoptadas mediante o Acordo do Consello de Ministros do 17 de febreiro de 2006, polo que se establece un Plan de Medidas para a Mellora dos Servizos de Sanidade Exterior, e de xeito especial no que se refire ao establecemento dun protocolo de actuación entre o PIF, a Autoridade Portuaria e AENA; á mellora da coordinación entre os organismos implicados, e ao plan de calidade sobre os controis oficiais.
Ademais, esíxelle ao Goberno que “garanta deste xeito que o PIF vigués manteña un nivel de servizo eficiente e de calidade, que resulte satisfactorio para os operadores que teñen ao Porto de Vigo como referencia”.“É urxente resolver a lentitude no proceso de inspección”
A deputada do BNG denunciou que “a caída no tráfico de contenedores de produtos conxelados no Porto de Vigo debido a este problema, o que leva ás empresas a desviar as mercadorías -calcúlase que más de 100.000 toneladas- a outros portos”. A este respeito, lembrou que “sábese de contenedores con idéntica mercadoría son rexeitados no porto vigués mentres que pasan sen problema as inspeccións noutros portos do Estado”.
Davila advertiu de que esta situación “leva a que as aseguradoras rexeiten asinar pólizas sobre mercadorías en Vigo pola lentitude na inspección sanitaria, e mesmo se fala dunha vaga de reclamacións patrimoniais contra o Ministerio de Sanidade, reclamacións que aínda que rexeita o Ministerio parece que son asumidas polos xulgados do Contencioso Administrativo”.
Por último, a deputada do BNG subliñou que “non se trata tanto de problema normativo ou falta de cadro de persoal , senón que a demora excesiva débese á lentitude no proceso das inspeccións”.