Desde o servizo do 061 de Galicia queren que teñamos sentidiño común durante a noite de San Xoán e, por iso, lánzannos unha serie de recomendacións a ter en conta.
O 061 piden ter precaución ante o alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración mañá, sábado, da Noite de San Xoán. O ano pasado un mozo de 22 anos morreu ao caer nunha fogueira na Coruña.
Cada ano nesta celebración, os accidentes de tráfico, as queimaduras e as intoxicacións etílicas constitúen a causa principal das chamadas de demanda de asistencia sanitaria á Central de Coordinación do 061. As tradicionais fogueiras desta festa supoñen ademais un compoñente de perigosidade tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas.
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 considera imprescindible transmitir unha serie de consellos de prevención á cidadanía na celebración da noite de San Xoán. En primeiro lugar é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.
Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables, e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume ten que evitar que os nenos se acheguen as fogueiras, ao tempo que extrema as precaucións se se achegan ao lume.
O 061 de Galicia lembra que se vai vento, debe situarse de costas á dirección deste, evitando que as chamas e o fume se dirixan cara vostede, para non sufrir as lesións causadas polo lume e por inhalación de fumes, especialmente se sofre dalgunha patoloxía respiratoria. Lembre que o alcohol e as drogas en moitas ocasións están detrás deste incidentes.
Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas, utilizando preferiblemente o algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que a apaguen. Tírese ao chan e revólquese ou quede quedo mentres as apagan.
Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, e útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.
Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil si se consumiu alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.
Durante o ano pasado, os profesionais sanitarios atenderon na festividade de San Xoán do ano pasado un total de 53 intoxicacións etílicas e por drogas, 15 accidentes de tráfico e 10 incidentes con queimaduras.