Galicia

Feijóo, “temos que estar orgullosos de ter o dobre de bandeiras azuis que antes do ‘Prestige'”

O presidente da Xunta afirmou este venres que os galegos podemos sentirnos orgullosos de que, dez anos despois do Prestige e a uns meses de celebrarse o xuízo, teñamos sido capaces de que Galicia conte hoxe con máis do dobre de bandeiras azuis que tiña antes do accidente.

Durante o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2012, Feijóo recoñeceu o esforzo colectivo que ten feito posible que nunha de cada seis praias galegas ondee a bandeira azul, porque “é o sinal de confianza que quere mandar Galicia ao resto do mundo desde o punto de vista do turismo”. Ser unha comunidade solvente xera confianza” e a confianza, resaltou, “é un estímulo fundamental para superar as incertezas que pesan sobre España”.

O xefe do Goberno galego destacou que Galicia segue un ano máis á cabeza das comunidades autónomas coas súas 126 praias con bandeira azul, 9 máis que no ano 2011. Mentres en portos, con 17 bandeiras, 4 máis que o ano pasado, Galicia ocupa o terceiro posto español.

Así mesmo, afirmou que todas estas bandeiras son un ingrediente de enorme importancia non só para xeneralizar a responsabilidade ambiental da sociedade, senón tamén para poder continuar mantendo o sector do turismo en parámetros estables, pese a crise económica, “tal e como demostra o feito de que o número de viaxeiros que chegan a Galicia non diminuíu no que levamos de ano, fronte a unha baixada do 1,4% no total de España”.

Feijóo concluíu felicitando aos 36 concellos distinguidos con estas bandeiras azuis e animando aos representantes municipais e aos cidadáns a seguir apostando por manter estes distintivos de calidade, “a seguir nesta liña de atención e coidado das nosas praias, dos nosos portos e, en xeral, do noso litoral”.

 

También te puede interesar