Un grupo formado por 39 nais residentes nas catro provincias de Galicia, co denominador común de asumir en solitario as responsabilidades familiares, van participar a partires deste domingo unha estadía de tempo libre que anualmente convoca a Secretaría Xeral da Igualdade. Elas, acompañadas polas súas 58 fillas e fillos menores de 12 anos ao seu cargo, van pasar , ate o 1 de xullo, unha semana de convivencia nunha localidade da costa mediterránea.
O maior número de participantes son residentes na provincia de Ourense, con 33 persoas, seguida da Coruña con 31, a provincia de Pontevedra con 28 e outras 5 persoas residentes na provincia de Lugo.
A experiencia pon ao alcance das persoas participantes, adultas e menores, a posibilidade de compartir as súas vivencias nun clima relaxado, de respeto e de confianza, con actividades especializadas e orientadas por tres monitoras e un monitor para influir no benestar persoal e familiar do grupo. Obradoiros para favorecer a comunicación interpersoal, xogos para estimular o traballo en equipo, técnicas de relaxación, prácticas deportivas ou estratexias para mellorar o nivel de autoestima son algunhas das propostas de actividades que van desenvolver ao longo da semana.
O obxectivo desta iniciativa é facilitar un espazo e un tempo para a convivencia de calidade e mellorar o benestar daquelas mulleres que se ven obrigadas a asumir en solitario as responsabilidades familiares sobre as súas fillas e fillos.