É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másAs mellores fotografías de natureza do mundo chegan este venres a Vigo
Parecen en irreais pero é a natureza mesma. O venres 18 de decembro, ás 18.00 horas, ábrese ao público na Sala de Exposicións III do Centro Social Caixanova en Vigo a magnífica exposición ‘Fotógrafos da Natureza 2009. Wildlife photographer of the year’. A mostra poderá visitarse nas instalacións da entidade financeira ata o 24 de xaneiro de 2010.
O concurso anual Wildlife Photographer of The Year, organizado pola BBC e o Museo de Historia de Londres co patrocinio de Shell, celebra este ano a súa edición número trinta e cinco. Aberto aos fotógrafos profesionais e afeccionados de todas as idades, pretende promover o crecente interese pola natureza e o medio ambiente, converténdose no máis prestixioso certame mundial de fotografía da natureza do panorama internacional. Nesta edición recibíronse máis de 32.000 imaxes procedentes de 82 países. A magnífica colección de imaxes desta exposición é o mellor expoñente do esplendor, o drama e a diversidade da vida no Planeta Terra. Os estilos e protagonistas das fotografías son moi variados, desde a plasmación abstracta da natureza ata os retratos de animais, pasando polo comportamento máis íntimo dos seres vivos e, mesmo, o efecto do quecemento global.
Nesta edición, a fotografía seleccionada como a máis impactante e salientable de todas as presentadas foi ‘Leopardo das neves’, do fotógrafo Steve Winter, que acadou capturar está imaxe despois de dez meses de traballo no parque nacional de Hemis de Ladack na India. Tamén foron galardoados nas diferentes categorías do concurso Miguel Lasa (España-Reino Unido) por ‘Amencer polar’, Antoni Kasprzak (Polonia) por ‘Choque de pigargos’, Cyril Ruoso (Francia) por ‘A recompensa do cazador’, David Maitland (Reino Unido) por ‘Táboas’, Carlos Virgili (España) por ‘Medusa solar’, Yongkang Zhu (China) por ‘Cisnes nivais’ e Cece Fabbro (Estados Unidos) por ‘Ciprés dos pantanos’, entre outros.