Carlos Núñez presentará en Vigo o seu novo traballo, titulado ‘Alborada do Brasil’, no Centro Cultural Caixanova. A cita terá esta noite ás 20.30 horas.
- Carlos Níñez
A enerxía e o espírito pioneiro deste gaiteiro fixérono moi popular, transcendendo con creces os límites habituais dos seus instrumentos: a gaita e as frautas. Aos oito anos, Carlos decidiu aprender dos vellos mestres os segredos da música popular e da gaita e aos 12 foi convidado a tocar como solista coa Orquestra Sinfónica de Lorient unha composición do irlandés Shaun Davey. Pouco despois comezou a estudar frauta de pico no Conservatorio de Madrid con cualificacións de matrícula de honra, ademais de obter o Premio Extraordinario Fin de Carreira.
En 1989 gravou por primeira vez con The Chieftains para a banda sonora do filme ‘A illa do tesouro’, protagonizado por Charlton Heston e Oliver Reed. Desde ese momento Carlos Núñez é o sétimo Chieftain e, xunto con eles, conseguiu un Premio Grammy. Ao longo da súa traxectoria profesional actuou nas salas máis prestixiosas de todo o mundo, como o Carnegie Hall de Nueva York ou o Royal Albert Hall de Londres, ao lado de artistas como Bob Dylan, Joni Mitchel, The Who, Lou Reed, Spin Doctors, Eddie Vedder (de Pearl Jam), Bon Jovi, Alice Cooper, INXS…
Cando en 1996 publicou ‘A irmandade das estrelas’, o seu primeiro álbum en solitario, Carlos Núñez era xa un artista recoñecido en todo o mundo. O disco vendeu máis de 100.000 exemplares en España e significou a maioría de idade da world music no noso país. En ‘A irmandade das estrelas’ colaboraron máis de 50 músicos, entre eles The Chieftains, Ry Cooder, Luz Casal e Dulce Pontes.
O seu terceiro disco, ‘Maio longo’, publicouse no ano 2000 e supuxo o achegamento natural de Carlos Núñez a estruturas máis pop, o que incrementou o seu recoñecemento popular, acadando o número un nas máis importantes radio fórmulas. Foi tamén o descubrimento de Carlos como compositor, tarefa que desempeñou nalgún tema deste traballo en colaboración con Roger Hodgson, de Supertramp, e con Sharon Shannon, Liam O’Flynn e Ronnie Drew, de The Dubliners, como invitados de luxo.
O ano 2004 ve a primeira gran colaboración do gaiteiro co mundo do cine, e pola porta grande. Alejandro Amenábar pídelle unha canción do seu primeiro disco para a súa nova película ‘Mar Adentro’, o que acabará desembocando na colaboración de Carlos en practicamente toda a banda sonora do filme.