O 061 asistiu durante a fin de semana un total de 82 persoas debido a 58 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende as 15:00 horas do venres, 29 de xuño, ata as 23:59 horas do domingo, día 2 de xullo. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado con 30 accidentes.
A Central de Coordinación recibiu nestes días 77 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 58 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 82 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 64 e 36%, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 41% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos e, por provincias, foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 25 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos foron 78: a ambulancia medicalizada acudiu a sete sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 64 accidentes, as ambulancias convencionais acudiron a dous sinistros, e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco sinistros.
En 70 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, cinco persoas foron trasladadas a un centro de Atención Primaria, outros seis feridos foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e unha persoa faleceu no lugar do sinistro.